Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta MIR. Ver todas as publicacións.
Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta MIR.Ver todas as publicacións.

Top 100 do MIR 2016

Hai xa uns días saíu a lista das persoas nos 100 primeiros postos do MIR 2016 (que podedes ver íntegra aquí). Como este é un blogue galego para xente galega, sei que o que máis vos interesará é saber das persoas que estudaron Medicina en Santiago de Compostela. Sodes un fato de rexoubeiras, mais haberá que querervos igual. Aquí tendes as 4 persoas da USC que están no Top 100.


GALEGOS NO TOP 100

48. Alberto López Traba
67. María Abellás Sequeiros
82. Alexandre Figueroa Tubío
92. Pablo Siso García

Así será a folla de respostas do MIR 2016

Hai uns meses o Ministerio da Sanidade anunciou as novidades da convocatoria do MIR deste ano, entre as cales que o exame pasaría a ter 4 opcións de resposta en cada pregunta e que a folla de respostas ía modificarse, para marcar nunha cela a resposta en vez de escribir o numeriño. Pois ben, hoxe por fin coñecemos como vai ser oficialmente esa folla de respostas. Aquí tendes a imaxe.


Se queredes baixar o modelo completo en pdf, incluíndo a folla de instrucións, está dispoñíbel nesta ligazón: http://sis.msssi.es/fse/FicherosMirweb/QE-00/QE-02/0/NOVEDADESCONVOCATORIAS201366.pdf

Oferta de prazas do MIR 2016 en Galiza

Como saberedes, xa saíu hai case 15 días no BOE a convocatoria do MIR 2016. Entre outras cousas, nesa convocatoria veñen cantas e cales son as prazas que se ofrecen este ano, e pareceume interesante facer unha pequena táboa para que teñades eses datos á man. Mais como os datos a nivel do estado xa están explicados e ben esmiuzados no blogue MIRentrelazados, aquí ímonos centrar nas prazas a nivel galego.

Das 6098 prazas que este ano foron convocadas no conxunto do estado, 305 son en Galiza, sen que exista cupo autonómico. Isto é, todas as prazas ofrecidas poden ser escollidas. Para comparar, na última convocatoria as prazas a nivel de estado foran 5956 (142 prazas menos que na actual) e a nivel galego foran 303 (2 menos). Algo gañamos, mais non é grande cousa.

A seguir vai a táboa. Para entendela, sabede que o número que aparece é o número de prazas que se ofrecen desa especialidade nesa área sanitaria, mentres que o número que aparece entre parénteses é a diferenza co ano pasado (se aumentaron ou diminuíron as prazas). Canto ás cores das celas, vermello indica que este ano hai menos prazas, verde indica que este ano hai máis prazas e negro indica que na convocatoria anterior había prazas desa especialidade, mais que no actual xa non hai ningunha. Cando está en branco, é que non variou a respecto do ano pasado. E as raias é que nin o ano pasado nin este houbo prazas, creo que iso é obvio. Entendido? Pois alá vai.


O asterisco (*) que hai nas prazas de Medicina Familiar e Comunitaria en Pontevedra é porque 4 desas prazas corresponden ao hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa. O asterisco (*) que hai nas prazas de Medicina Preventiva na Coruña é porque realmente unha delas é en Santiago de Compostela, outra en Ourense e as dúas restantes na Coruña, mais a efectos administrativos dependen todas da Coruña.

Se queres ver de primeira man os datos da fonte de onde os tirei, están dispoñíbeis na web do Ministerio da Sanidade. Ten menús e filtros que fan fácil ver as prazas, a verdade é que non é do peor que teño visto en webs da administración.

E, por último, se queres ver como foi a adxudicación de prazas na última convocatoria, para facerte unha idea do que pode acontecer nesta, podes encontrar unha táboa neste mesmo blogue. Tendo en conta se aumentou ou diminuíu o número de prazas, e o número con que se adxudicou a praza no ano pasado, podes facer os teus propios baralles sobre como vai quedar este ano. Xoga coas prazas do MIR! É fácil e divertido!

Como facer as xestións para anotarse ao MIR 2016

Se non vos fiades desta captura de pantalla, podedes velo ao vivo na web do Ministerio da Sanidade.

Por se non vos decatastes, xa saíron as datas e prazos do MIR 2016. A primeira que tendes que ter en mente é o 18 de setembro, que é cando se vai publicar a convocatoria no BOE e teremos todos os datos claros e definitivos. E a segunda, e se cadra a máis importante, é o 6 de febreiro, día no cal terá lugar o temido exame.

Dito isto, eu non sei vós, mais eu ando bastante perdido no que a xestións, papelada e burocracia se refire. Entón, para tentar darlle un pouco de sentido a isto, vou facer un esquema de que e como hai que facer para que non teñamos problemas á hora de presentarnos ao MIR.

ACTUALIZACIÓN (18/09/2015): Xa está a convocatoria no BOE, podedes consultala na seguinte ligazón: Convocatoria do MIR no BOE do 18 de setembro de 2015 (PDF).

Novidades no MIR 2016



Si, sei que chego tarde e que xa vai case un mes da nota de prensa do Ministerio de Sanidade coas novidades do MIR 2016. Mais como din que mellor tarde do que nunca, vamos dar unha olladiña ás cousas que mudan, que non son poucas.

Para nós en Medicina as modificacións son principalmente 3:

  • A administración entra no século XXI e comeza a permitir facer as xestións pola Internet. Dunha banda, o pago de taxas e a presentación da solicitude será posíbel por vía telemática para calquera persoa cunha sinatura electrónica, como é o DNI electrónico. Ollo, poderá continuar a facerse polo método de sempre, que xa sabemos que moita leria, mais o lector do DNI electrónico non hai dios que o dea configurado. Da outra banda, tamén encoraxan a facer a solicitude para a adxudicación da praza pola Internet. Este ano os "MIR" de Bioloxía, Química, Radiofísica e Psicoloxía só teñen adxudicación telemática; e aínda que Medicina, Enfermaría e Farmacia aínda teñen a adxudicación de maneira presencial, é de esperar que nuns anos tamén desapareza, polo que están xa a dar o paso aos poucos.
  • A hecatombe. O número de respostas posíbeis en cada pregunta pasa de 5 a 4. Non se di nada de como restarán as preguntas mal respondidas, mais todo parece apuntar que iso non mudará, e continuará a ser cada unha mal -0,33. Que significa isto? Pois que respondendo todo o exame ao chou, estatisticamente vas quedar a pre, no 0. Antigamente, con 5 opcións, isto mesmo significaba acabar con saldo negativo. Á parte de converter en papel mollado todo o que se ten falado de cal é a opción máis probábel, ten dúas consecuencias, unha boa e outra mala. A boa é que ao haber menos opcións hai menos que ler e vaise aforrar tempo, uns 19 minutos segundo estiman. A mala é que isto pode estreitar a variación entre as notas máis altas e as máis baixas, facendo que o exame sexa peor diferenciando a xente e que teña máis relevancia a nota da carreira.
  • A folla de respostas pasa a ser de marcar, e non de escribir o número. Vai ser unha destas que se corrixen automaticamente cunha máquina, o que vai minimizar os erros humanos, especialmente no caso de persoas con mala caligrafía. Non fica claro como vai ser o tema no caso de confundíreste ao marcar, porque se hai que responder a boli non se pode borrar, e como haxa que preencher unha folla nova cada vez que haxa un erro non se vai dar feito. O Ministerio limítase a dicir "Como en convocatorias previas, el aspirante podrá subsanar durante el examen la respuesta que considere errónea y que ya hubiese marcado en la hoja de examen".

E iso vén sendo todo. Se queredes ler a nota de prensa íntegra téndela aquí en pdf.

Comparación das prazas do MIR 2014 e MIR 2015 en Galiza

Se o ano pasado fixera un artigo coa adxudicación de prazas do MIR 2014 en Galiza, e este ano fixen o mesmo coa adxudicación de prazas do MIR 2015, que é o que falta? Pois efectivamente, unha comparación entre ambos.

Primeiro de todo, a táboa. As columnas MIR 2014 e MIR 2015 están dividida en dúas, sendo o primeiro número o número de prazas da especialidade, e o segundo o número do posto da última persoa que colleu esa especialidade, sempre referíndonos ao conxunto de Galiza. A columna Diferenza é unha simple resta, os números do MIR 2015 menos os do 2014. Cando esa diferenza é negativa quere dicir que diminuíu o número de prazas nese valor ou que se escolleu a última praza ese número de postos antes. Nese caso a cela aparece en vermello. Cando a diferenza é positiva é que aumentou o número de prazas ou baixou o posto en que se escolleu a última praza, e a cela aparece en verde. Cando a diferenza é 0, a cor da cela é branca, e cando a especialidade foi retirada da oferta é negra. Nos casos en que no MIR 2014 as últimas prazas ficaran vacantes e este ano non, como non se pode restar, o valor da diferenza é o posto en que se colleu a última praza en 2015. Entendido? Pois adiante!


Chama moito a atención que este ano non houbese prazas vacantes. Se botades contas vedes que en 2014 houbo 306 prazas no total, e este ano 303. Non é que houbese unha redución drástica. Non entendo esa urxencia por coller unha praza. Pode ser pola crise? Pode ser polo medo á troncalidade? Pode ser da NASA ou doutra galaxia? Pode ser causa das gafas que eu non mire ben?

Algúns titulares que podemos tirar da táboa:
  • Desapareceu unha especialidade da oferta, Bioquímica Clínica.
  • A especialidade que maior redución de prazas sufriu foi Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, que perdeu 5, pasando de 10 a 5.
  • A especialidade que maior diminución no número de postos sufriu foi tamén Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, que subiu 1779, pasando de esgotarse no 3432 a esgotarse no 1653.
  • A especialidade que maior incremento de prazas sufriu foi Medicina Familiar e Comunitaria, que gañou 5, pasando de 88 a 93.
  • A especialidade que maior aumento no número de postos sufriu foi Reumatoloxía, que baixou 2380, pasando de esgotarse no 1076 a esgotarse no 3456.

Adxudicación de prazas do MIR 2015 en Galiza

O ano pasado fixera un artigo cos resultados da escolla de prazas do MIR a nivel galego. Entón, este ano non ía ser menos, ou?

A táboa enténdese ben, creo, mais explícovos como vai. As columnas son as 7 áreas sanitarias galegas máis outra que engloba toda a Galiza. En cada cela, o primeiro número indica o posto da última persoa que colleu unha praza desa especialidade nesa cidade, e o número entre parénteses é o número de prazas desa especialidade nesa cidade. Un trazo significa que non existe ningunha praza desa especialidade nesa cidade. Vaia, non sei se o expliquei ou o enredei aínda máis. Mellor será que vexades a táboa.


Como curiosidade, entre as 100 primeiras só se escolleron 2 prazas no país. Co número 69 Alejandro Rivero de Aguilar Pensado escolleu Neuroloxía no CHUS, e co 71 Luís Prieto Carreiras escolleu Cirurxía Xeral tamén no CHUS. Chama moito a atención que este ano non houbo prazas vacantes, escolléronse todas elas. Iso significa que non abondou con superar a nota de corte, para escoller unha praza de Medicina de Familia na Galiza foi preciso ter un posto por riba do 7582. Para que o vexades en perspectiva, o ano pasado, cun número total de prazas aproximadamente igual (só 3 máis), houbo 28 vacantes. Pouca xente galega está disposta repetir o MIR, polo que parece...

Ah! E durante os días que foi a praza fun publicando na páxina do Facebook curiosidades e anécdotas que ían acontecendo. Déixovos aquí as ligazóns por se queredes bisbillotar un pouco:

Bolsas da Fundación A.M.A. para a preparación do MIR

https://mutualistas.amaseguros.com/becas-ama.asp

A Fundación A.M.A. lanza unha convocatoria de bolsas para a axuda do estudo do MIR, a IX Convocatoria Becas Fundación A.M.A. 2014-2015 (MIR-FIR-EIR). Diñeiro gratis? Non, axudas para estudar. A bolsa consiste exclusivamente no pagamento de gastos de docencia, isto é, a academia do MIR á que vaias. E non lla dan a todo o mundo, senón que se fai un sorteo entre todas as persoas solicitantes e só se adxudicarán 50 bolsas.

Podes (e debes) ler ben o .pdf das bases, mais o importante é saber que só a podes pedir se vas estar licenciada ou graduada antes da realización do sorteo. Isto é, en febreiro de 2015 tes que ter o título. Aí está o truco, xa que a práctica totalidade da xente que vai ao #2MIR16 non se licenciará/graduará até xuño de 2015, xa fóra de prazo. E a xente que se presenta ao #2MIR15 xa terá feito o exame, co cal o gasto xa está feito e a bolsa chegará case cando xa estean a traballar. En calquera caso, a bolsa cobre os gastos de docencia do ano 2014/2015, co cal estades lexitimadas a pedila.

A solicitude realízase online, neste formulario. É gratuíto e non tes que achegar ningunha documentación (nin título nin facturas da academia) a non ser que saias gañadora no sorteo. Iso si, estás a dar os teus datos a unha empresa privada, que deixa ben claro que os datos poden ser usados para o envío de comunicacións comerciais, incluído correo electrónico e SMS. Nunha palabra, spam.

O prazo para a presentación de solicitudes é do 14 de novembro de 2014 ao 13 de febreiro de 2015, o sorteo será o 17 de febreiro de 2015 e, se es unha das persoas agraciadas, o prazo para reclamala é do 19 de febreiro ao 10 de marzo de 2015.

Entón, estás a preparar o MIR e vas ter o título antes de febreiro de 2015? Pois pide a bolsa, que por tentar...

Información oficial do MIR 2015

Hoxe o Ministerio de Sanidade español acaba de sacar unha nota de prensa sobre a oferta de formación sanitaria para a convocatoria 2014-2015. Isto é, as novidades sobre a próxima convocatoria do MIR, EIR, FIR, PIR, BIR, RFIR e QIR. A seguir destácovos o máis importante a respecto do MIR, que é o tema que nos compete.

Esta é a nota de prensa oficial publicada na web do Ministerio, que podedes consultar premendo nesta ligazón.

DATA

A data provisional do MIR é o sábado, 31 de xaneiro de 2015. Aínda que nunha situación moi excepcional podería haber unha modificación de última hora, é a data prevista que podemos tomar como definitiva.

«El calendario aprobado por la Comisión de Recursos Humanos prevé que las pruebas de acceso se celebren el sábado 31 de enero de 2015.»

TRONCALIDADE

Como xa dixen no artigo sobre o Real Decreto, esta convocatoria NON está afectada pola troncalidade.

«De acuerdo con lo dispuesto en la Disposición transitoria novena del RD 639/2014, de 25 de julio, por el que se regula la troncalidad, esta norma no es de aplicación en esta convocatoria.»

PRAZAS

Haberá 6.102 prazas, das cales 5.979 son ofrecidas en réxime de residencia e 123 en réxime de alumnado. Isto supón case un 1% de redución a respecto das prazas ofrecidas na anterior convocatoria.

PREGUNTAS DE EXAME

Mantense como nos anos anteriores, 225 preguntas de escolla múltipla (5 opcións, 1 soa resposta correcta) máis 10 de reserva e unha duración de 5 horas.

NOTA DE CORTE

A nota de corte mantense nos 35% da media das 10 mellores. Tomando como referencia os datos do MIR anterior, a nota de corte suporía ter como mínimo 67 preguntas netas.

«Se consolida establecimiento de una nota de corte introducida en la convocatoria 2012-2013, que para esta convocatoria se fija en el 35% en todas las titulaciones. Se entenderá que superan la prueba los aspirantes cuya valoración particular del examen sea igual o superior a ese 35% de media de los diez mejores. El resto de aspirantes serán eliminados y no obtendrán número de orden.»


RESERVA PARA PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

Mantense a reserva de 7% das prazas para persoas cunha discapacidade igual ou maior a 33%.

EXTRACOMUNITARIOS

A cota para persoas procedentes de fóra da Unión Europea limitarase a 4% nunha única volta. A porcentaxe é a mesma que na convocatoria anterior, a novidade vén en que non terán unha segunda volta para que aquelas persoas que superaron a nota de corte mais quedaron fóra da cota poidan optar a aquelas prazas que queden desertas ao acabar as adxudicacións. Haberá moitas persoas sen praza, e moitas prazas sen persoa.

Alén disto, precisarán ter a correspondente autorización de residencia ou de estancia por estudos, e un diploma de coñecemento de lingua castelá equivalente a un C1 ou un C2.

Troncalidade no MIR (II): Análise do Real Decreto

Así comeza o «Real Decreto 639/2014, de 25 de xullo», máis coñecido como «Decreto da Troncalidade» (baixar o .pdf).


O Real Decreto ten 41 artigos divididos en 6 capítulos, máis o preámbulo, 12 disposicións adicionais, 9 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria, 9 disposicións finais e 2 anexos. Un total de 38 páxinas que podes descargar en .pdf desde a web do BOE.

PREÁMBULO

O Real Decreto comeza cun preámbulo de 2 páxinas que se pode resumir facilmente en 3 palabras: “A troncalidade mola”.

CAPÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Este capítulo consta só dun artigo onde di cales son os obxectivos deste Real Decreto. Leria lexislativa, basicamente. Nada que resaltar.

CAPÍTULO II: DA TRONCALIDADE

Este capítulo contén un total de 9 artigos, do 2 ao 10. Estabelece de modo xeral o funcionamento do novo sistema, formada por un período troncal e outro de formación específica, quen e como se elaboran os programas de formación, unidades docentes, titores e demais temas administrativos.

Para nós, o máis salientábel é:

Art. 2.3 «El tronco cursado, desvinculado de un periodo de formación específica, no tendrá por sí mismo efectos profesionales.»

Ou sexa, facer só o período troncal non vale para nada, é imprescindíbel facer despois o período de formación específica.

Art. 4.4 «Durante el periodo troncal del programa formativo oficial de las especialidades troncales no se autorizarán rotaciones externas de las previstas artículo 21 del Real Decreto 183/2008, de 8 de febrero.

La duración de las rotaciones externas durante el periodo de formación específica del programa oficial de las especialidades troncales no podrán superar los 4 meses, en la totalidad de dicho periodo.»

As rotacións externas son como un Erasmus, só que con menos festa e máis traballo.

Art. 8. «Evaluación de los residentes de las especialidades adscritas al régimen de formación troncal. (...)

c) En la comisión de docencia a la que se adscriba una unidad docente troncal se constituirá un comité de evaluación de dicho tronco, cuya función será la de llevar a cabo la evaluación anual y final del periodo formativo troncal. (...)

d) La evaluación del último año de tronco podrá ser positiva, negativa recuperable o negativa no recuperable. Tendrá el carácter de evaluación final de tronco y se llevará a cabo por el comité de evaluación al concluir el noveno mes del último año del periodo troncal.

La evaluación positiva del periodo troncal permitirá que el residente realice una rotación interna, durante los tres últimos meses del periodo troncal, elegida conjuntamente con su tutor en áreas de especial interés para su formación. Concluida la estancia, el residente continuará con el periodo de formación específica de la especialidad elegida, según lo previsto en el artículo 35.3. (...)

Cuando la evaluación del periodo troncal sea negativa recuperable, la recuperación se llevará a cabo dentro de los tres últimos meses del periodo de formación troncal. La evaluación positiva del periodo de recuperación permitirá al residente iniciar el periodo de formación específica en la especialidad elegida, según lo previsto en el artículo 35.3.

En los supuestos en los que el periodo de recuperación sea evaluado negativamente, o en los que la evaluación del periodo formativo troncal sea negativa no recuperable, se estará a lo dispuesto en el párrafo final del artículo 22.1 del Real Decreto 183/2008, de 8 de febrero

Ou sexa, no tronco avalíante tres meses antes de acabar. Se aprobas, fas unha rotación de 3 meses onde queiras. Se suspendes por pouco, fas 3 meses de recuperación onde che manden. E se suspendes desastrosamente, o que di o parágrafo ao que se refiren é «La evaluación negativa del periodo de recuperación no tendrá carácter recuperable y supondrá la extinción del contrato (...)».

CAPÍTULO III: DA REESPECIALIZACIÓN TRONCAL PARA PROFESIONAIS DO SISTEMA SANITARIO

Son 5 artigos, do 11 ao 15. Neles di que naquelas especialidades deficitarias poderá crearse unha cota de prazas para a reespecialización. Poderán acceder a elas todas as persoas que posúan unha especialidade, que terán que facer un exame sobre o tronco do cal se trate a especialidade que queren facer, onde os méritos académicos e profesionais suporán entre 50% e 60% do cálculo da cualificación final (isto todo concretarase na convocatoria). As persoas que obteñan estas prazas terán que facer só o período de formación específica, saltando o tronco.

Ollo, o truco está en que por este medio só podes acceder ás especialidades que lle interesen ao Ministerio. Se queres facer unha reespecialización noutra especialidade, tócache repetir o MIR, aínda que se é do mesmo tronco que a túa especialidade non tes que repitir o período troncal.

CAPÍTULO IV: DAS ÁREAS DE CAPACITACIÓN ESPECÍFICA

Son 11 artigos, do 16 ao 26. As áreas de capacitación son subespecialidades, especialidades dentro dunha determinada especialidade. Para acceder a elas, obviamente, é preciso ter primeiro a especialidade correspondente.

Art. 18.4 «Quienes cursen el programa de formación en un área de capacitación específica tendrán, sin perjuicio de la reserva de su plaza de origen y en los términos previstos en la normativa que en su caso resulte de aplicación, la consideración de especialistas en formación en régimen de residencia y les será de aplicación, con las adaptaciones derivadas de lo previsto en este real decreto, el régimen jurídico contenido en el Real Decreto 1146/2006, de 6 de octubre y en el Real Decreto 183/2008, de 8 de febrero.»

Ou sexa, no período en que esteas a formarte nunha área específica, aínda que xa sexas un médico especialista feito e dereito, volves ser considerado residente a todos os efectos legais.

Art. 21 «Para obtener el diploma de área de capacitación específica será necesario cumplir los siguientes requisitos:

a) Encontrarse en posesión del título de especialista en alguna de las especialidades en ciencias de la salud en cuyo ámbito se constituya el área de capacitación específica, y acreditar un mínimo de dos años de ejercicio profesional efectivo en la especialidad. (...)

c) Haber cumplido los objetivos y adquirido las competencias previstas en el programa formativo de área de capacitación específica, habiendo sido evaluado positivamente en los términos previstos en el artículo 26»

Art. 25 «Acceso a la formación en área de capacitación específica.

1. Los especialistas que acrediten el periodo de ejercicio profesional al que se refiere el artículo 21.a) podrán acceder a la formación en un área de capacitación específica solicitándolo en las convocatorias que periódicamente se aprobarán por orden de la persona titular del Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad.
A través de dicha orden de convocatoria, que se publicará en el "Boletín Oficial del Estado", se regularán las características del proceso selectivo, los requisitos de los aspirantes, el régimen de admisión a la formación, la comisión de selección y sus funciones, la adjudicación de plazas y los demás aspectos que se consideren necesarios para la resolución de la convocatoria.»

Isto é, aquelas persoas que teñan unha especialidade e leven 2 anos exercéndoa poderán formarse nunha área de capacitación específica, aínda que os criterios para acceder dependerán da convocatoria que se publique no seu momento.

CAPÍTULO V: DAS PROBAS ANUAIS DE ACCESO A PRAZAS DE FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA

Son 12 artigos, do 27 ao 38. É aquí onde están as cousas máis interesantes para a xente que se vai presentar ao exame MIR. En primeiro lugar fala da publicación das prazas, da nacionalidade e do título que é preciso posuír e das prazas para persoas con discapacidade. Todo iso depende na súa maioría da convocatoria en cuestión ou doutras leis, mais en esencia vai ser como até agora.

No artigo 33 fala da proba selectiva, isto é, do exame MIR. Pódese salientar que «Dicha prueba evaluará conocimientos teóricos, prácticos y, en su caso, habilidades clínicas y comunicativas». Polo resto, todo igual que agora, cunha nota mínima de corte (que pode variar en función da convoctoria), o exame valendo 90% e os méritos académicos e profesionais 10%.

No artigo 35, é onde chega o tema controvertido. Mirade:

Art. 35.3 «En las especialidades troncales la elección se realizará a nivel estatal en dos fases. En la primera fase se elegirá tronco y unidad docente del periodo troncal; la segunda fase se llevará a cabo una vez cursado el tronco y obtenida una evaluación positiva en éste. En esta segunda fase, para la elección de unidad docente y especialidad, se ofertarán las plazas en formación de las especialidades incluidas en la convocatoria anual en la que se eligió tronco y unidad docente periodo troncal.

En ambas fases, la elección de plaza se realizará de acuerdo con el orden decreciente de puntuación obtenida en la convocatoria anual de pruebas selectivas para el acceso a plazas de formación sanitaria especializada en la que se hubiera obtenido plaza del correspondiente tronco.»

Ou sexa, despois de facer o exame MIR, coa túa nota, escolles un tronco nun determinado lugar. Unha vez feito o tronco, xuntan a todas as persoas que fixeron ese tronco para que escollan unha especialidade dese tronco entre as prazas que se ofrecen no conxunto do territorio, non necesariamente no mesmo lugar onde fixeron o tronco. Esta segunda selección tamén se fai en función da nota do MIR.

Art. 37.3 «Los adjudicatarios de una plaza en formación que no tomen posesión de la misma o que abandonen la formación después de ser adjudicatarios, en dos convocatorias en un periodo de cinco años desde la primera adjudicación, solo podrán participar en una nueva prueba selectiva una vez concluidos los procesos selectivos correspondientes a las dos convocatorias anuales posteriores a la última en la que se le adjudicó plaza»

CAPÍTULO VI: DA CREACIÓN E MODIFICACIÓN DE TÍTULOS DE ESPECIALISTA

Son 3 artigos, do 39 ao 41. A nivel de Medicina, fala da creación das especialidades de Psiquiatría do Neno e do Adolescente, Análises Clínicas e Bioquímica Clínica, e Xenética Clínica (estas dúas últimas multidisciplinares, poden acceder persoas graduadas/licenciadas en Medicina, Farmacia, Bioloxía e Química).

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Son 12 disposicións en que se falan temas administrativos. Só merece ser destacada a desaparición das especialidades de Hidroloxía Médica, Medicina da Educación Física e o Deporte, e Medicina Legal e Forense, que xa non se ofrecerán no MIR 2015/2016 (os que fan o exame en febreiro de 2016, vaia).

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

Son 9 disposicións que falan de como se irá extinguindo o sistema actual. Basicamente, aqueles que comecen a formarse antes da implantación dos troncos continuarán a súa formación coas condicións que tiña, e terá o título correspondente. Nada inesperado. Sobre as áreas de capacitación, aqueles profesionais que demostren que levan traballando nesa área varios anos, poderán de maneira excepcional obter o diploma sen ter que realizar o período de formación. Tamén bastante lóxico.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Fala das leis que deixarán de aplicarse ao entrar esta en vigor.

DISPOSICIÓNS FINAIS

Fala das modificacións que este decreto supón a leis previas e máis temas administrativos. Aínda así, é interesante salientar o referente a cando se implantará a troncalidade a efectos prácticos:
Disposición final sexta «Calendario respecto a las previsiones contenidas en el capítulo II de este real decreto.

1. En el plazo de dos años desde la constitución de las comisiones delegadas de tronco se aprobarán y publicarán en el "Boletín Oficial del Estado" los programas formativos oficiales de las especialidades adscritas al sistema formativo troncal en los que se determinarán las competencias a adquirir por los residentes en el periodo troncal y en el específico, así como los criterios de evaluación de los especialistas en formación y los requisitos de acreditación de las unidades docentes de tronco y de especialidad.

2. Una vez aprobados los citados requisitos de acreditación, las comunidades autónomas procederán, en el plazo de doce meses, a la adaptación de sus actuales estructuras docentes en estructuras de carácter troncal previendo, así mismo, las unidades docentes de formación especializada en las que se cursarán los periodos de formación específica de las especialidades integradas en cada tronco. (...)

3. El Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, después de acreditar las unidades docentes que posibiliten la formación especializada troncal, determinará, previo informe de la Comisión de Recursos Humanos del Sistema Nacional de Salud, la convocatoria anual en la que se incluirán plazas de formación sanitaria especializada de carácter troncal.»
Entón, entre agora e agosto de 2016 serán aprobados e publicados os programas formativos dos troncos e das especialidades. Unha vez feito iso, haberá un ano máis (até, o máis tardar, agosto de 2017) para que as comunidades autónomas adapten as estruturas á nova formación. Que quere isto dicir? Pois, tendo en conta que as convocatorias son publicadas en setembro de cada ano, o MIR 2014/2015 (o próximo) non se verá afectado, o MIR 2015/2016 (o dos que van comezar agora 6º) case seguramente tampouco, o MIR 2016/2017 (o dos que van comezar 5º) é pouco probábel, o MIR 2017/2018 (o dos que van comezar 4º) é case seguro que terá xa os troncos.

Aínda así, moito ollo con isto. Varios colectivos están a valorar a posibilidade de presentar un recurso ante este Real Decreto, o que podería supor un adiamento na súa implantación. E non podemos esquecer que en 2015 haberá novas eleccións xerais, das que pode saír un novo goberno español que podería paralizar este decreto.

ANEXO I

As especialidades distribúense en troncos do seguinte xeito:
  1. Tronco Médico (TCM): Alergoloxía, Anestesioloxía e Reanimación, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Farmacoloxía Clínica, Xeriatría, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Nefroloxía, .Neurofisioloxía Clínica, Neuroloxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Pneumoloxía, Reumatoloxía.
  2. Tronco Cirúrxico (TCQ): Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Cirurxía Oral e Máxilo-Facial, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Uroloxía.
  3. Tronco de Laboratorio e Diagnóstico Clínico (TCLDC): Análises Clínicas e Bioquímica Clínica, Xenética Clínica, Inmunoloxía, Microbioloxía e Parasitoloxía.
  4. Tronco de Imaxe Clínica (TCIC): Medicina Nuclear, Radiodiagnóstico.
  5. Tronco de Psiquiatría (TP): Psiquiatría, Psiquiatría do Neno e do Adolescente.
Especialidades que fican fóra dos troncos: Anatomía Patolóxica, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas Áreas Específicas, Radiofarmacia, Radiofísica Hospitalaria.

ANEXO II

As Áreas de Capacitación Específica son as seguintes:
  1. Enfermidades Infecciosas: Para médicos especialistas en Medicina Interna, Microbioloxía e Parasitoloxía, Pneumoloxía e Pediatría e as súas Áreas Específicas.
  2. Hepatoloxía Avanzada: Para médicos especialistas en Aparello Dixestivo e Medicina Interna
  3. Neonatoloxía: Para Médicos especialistas en Pediatría e as súas Áreas Específicas.
  4. Urxencias e Emerxencias: Para médicos especialistas en Medicina Interna, Medicina Intensiva, Medicina Familiar e Comunitaria, e Anestesioloxía e Reanimación.

Troncalidade no MIR (I): A historia

Cartaz do CEEM contra a troncalidade no MIR

Até o momento, para a formación de especialistas en Medicina temos o sistema MIR. Neste sistema, as persoas licenciadas en Medicina poden presentarse a un exame, e en función da nota dese exame, ponderada coa media da licenciatura, obteñen un número de orde para escoller especialidade. Entón, por esa orde, as persoas van escollendo entre todas as prazas ofrecidas en todo o territorio do Estado (dunha determinada especialidade nun determinado hospital). Comeza entón un período chamado residencia, que dura 4 ou 5 anos dependendo da especialidade, ao final do cal a persoa recibe o título de especialista. Porén, por algún motivo, a clase política decidiu que o sistema necesitaba modificarse, e sacou da manga a denominada troncalidade.

Comecemos polo principio desta lea, o ano 2003. Naquel momento o Goberno de España estaba nas mans do PP, con José María Aznar como presidente e Ana Pastor á fronte do Ministerio de Sanidade. Foi entón cando se aprobou a Lei de ordenación das profesións sanitarias (LOPS), que estabelece: “As especialidades en ciencias da saúde agruparanse, cando iso proceda, atendendo a criterios de troncalidade. As especialidades do mesmo tronco terán un período de formación común dunha duración mínima de dous anos”.

No ano 2004, as eleccións xerais españolas dan a vitoria ao PSOE, e fórmase un novo goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, quen nomea Elena Salgado como nova ministra de Sanidade. O tema parece que se paraliza un pouco, mais no ano 2006 a ministra encarga ao Consejo Nacional de Especialidades en Ciencias de la Salud (Cnecs) un informe sobre a troncalidade, con vista á súa aplicación.

En 30 de xuño de 2008, cando o posto de ministro de sanidade é ocupado polo socialista Bernat Soria, o Cnes presenta o informe sobre a troncalidade á Comisión Técnica Delegada de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde (SNS). Inclúe unha proposta inicial acerca de como distribuír as especialidades con competencias comúns nos diferentes troncos. Xa en outubro, fórmase o Grupo de Traballo de Troncalidade con representantes das comunidades autónomas e dos ministerios de Sanidade, Defensa e Educación.

Entre setembro de 2009 e febreiro de 2010 son presentados varios informes do Grupo de Traballo de Troncalidade. Nesta proposta, o estudantado que aprobase o exame MIR tería que escoller un dos troncos, os cales terían unha duración de dous anos. Acabado este período, seríalles realizada unha proba final, e o seu resultado sería determinante para optar a unha especialidade nunha unidade vinculada á unidade docente troncal onde se formou nestes dous anos. Ficarían fóra dos troncos as especialidades de Anatomía Patolóxica, Psiquiatría, Oftalmoloxía e Pediatría.

Para aclarar, tu fas o exame MIR e entras no tronco de cirurxía na Coruña, por exemplo. Estás dous anos a facer o tronco, e unha vez acabas tes que facer outro exame para escoller especialidade, mais só podes escoller unha especialidade do tronco de cirurxía entre as prazas que existen na Coruña. Ou sexa, se hai 5 persoas facendo ese tronco, e casualidade as 5 queren facer cirurxía xeral, mais na Coruña só hai 3 prazas de cirurxía xeral e 2 de cirurxía vascular, haberá dúas persoas que terán que ser cirurxiás vasculares por collóns, aínda que a detesten.

Neste informe tamén se estabelecen os períodos para a implantación da troncalidade, onde a primeira convocatoria afectada sería o a convocada en setembro de 2011 e realizada en febreiro de 2012, para que así os primeiros residentes con tronco fosen os que se incorporasen en maio de 2012.

Aínda co goberno de Zapatero, a ministra de Sanidade volve mudar, sendo agora Trinidad Jiménez. En febreiro de 2010, 13 especialidades móstranse contrarias á troncalidade e piden que non sexa obrigatoria. Estas especialidades son Obstetricia e Xinecoloxía, Radiodiagnóstico, Neuroloxía, Medicina Preventiva, Dermatoloxía, Otorrinolaringoloxía, Neurofisioloxía, Clínica e Medicina Física e Rehabilitación, alén de Anatomía Patolóxica, Psiquiatría, Oftalmoloxía e Pediatría, que xa ficaran fóra dos troncos. Pouco despois reúnese o pleno da Comisión de Recursos Humanos do SNS e decide facer caso en parte, sacando dos troncos tamén Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía. En maio de 2010, o Consejo Estatal de Estudiantes de Medicina (CEEM) consegue facer presión para que se elimine o exame despois do tronco e que a especialidade sexa escollida logo despois da proba MIR, e non despois do tronco como se pretendía.

Con esta modificación que conseguiu o CEEM, tu fas o exame MIR e escolles xa a especialidade que vas acabar facendo, só que antes de comezar a formarte na dita especialidade tes que facer os 2 anos de tronco común. Evita así o principal problema da primeira proposta.

Máis unha vez, o Ministerio de Sanidade muda de mans, ocupando agora o posto Leire Pajín. En febreiro de 2011 resulta que o borrador do proxecto que foi enviado ás comunidades autónomas para a súa revisión inclúe a Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía dentro dos troncos, cando se acordara que estas especialidades ficarían fóra. En abril de 2011 o goberno anuncia que haberá outro real decreto, á marxe da troncalidade, que desenvolverá as novas especialidades de Infecciosas, Xenética, Psiquiatría Infanto-Xuvenil e Urxencias e Emerxencias, ao tempo que afianza as especialidades de Medicina do Deporte e Medicina Legal e Forense e extingue as de Hidroloxía Médica e Farmacia Industrial e Galénica. En xuño dese ano, por presións da Comisión Nacional de Medicina de Familia, recúan e anuncias que Urxencias será apenas unha “especialidade secundaria”.

En xullo de 2011 aparecen novos borradores destes dous decretos. No de troncalidade, finalmente, retíranse Xinecoloxía, Dermatoloxía e Otorrinolaringoloxía dos troncos. Ábrese entón en agosto un período de audiencia pública e envío de alegacións por parte de todos os axentes sanitarios. En novembro de 2011 o proxecto queda listo coas alegacións incorporadas, restando só a súa aprobación.

Unhas novas eleccións xerais dan o poder ao PP, e entra un novo goberno presidido por Mariano Rajoy, con Ana Mato á cabeza do Ministerio de Sanidade. A secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, anuncia que: "Se empezará desde cero, abriendo un nuevo período de consultas con los profesionales". En abril de 2012 un real decreto modifica aspectos da LOPS, sobre todo no referente ás áreas de capacitación específica (ACE), para as cales serán necesarios dous anos de exercicio profesional (e non 5 como era previsto). Conforme avanza o ano, anúnciase que Urxencias e Enfermidades Infecciosas serán áreas de capacitación (e non especialidades), e que será engadido un novo tronco, o de Psiquiatría, que incluirá a modalidade de adultos e a infanto-xuvenil. En outubro este novo proxecto de troncalidade para a consulta pública. Deste modo, en decembro chégase a un borrador de Real Decreto de troncalidade e creación de títulos de especialista, unificando os dous proxectos nun só.

Unha área de capacitación específica (ACE) vén sendo unha subespecialidade á que só se pode acceder unha vez acabas a túa especialización e exerces un número determinado de anos como tal. Por exemplo, segundo este proxecto, poderá subespecializarse en Urxencias e Emerxencias calquera médico de familia, intensivista ou internista que exercese durante dous anos (sen contar os anos de residente, claro).

Chegamos entón a 2013. Nos primeiros meses vanse recollendo e incorporando diversas alegacións ao proxecto. En xuño, nunha das emendas á Lei de garantías e uso racional do medicamento, pídese unha modificación á LOPS que flexibilice o período troncal. Deste modo, o período de formación troncal pode aumentar ou diminuir un máximo de 6 meses (isto é, poderá durar un mínimo de 1 ano e medio, e un máximo de 2 anos e medio). En xullo faise un novo borrador con todas as modificacións, e a Comisión de Recursos Humanos do SNS dá o seu visto e prace.

En xaneiro de 2014, o Consello de Estado emite o seu ditame cunhas indicacións que, en palabras do Ministerio de Sanidade, non suporán grandes alteracións ao proxecto. En febreiro, o CEEM comeza a facer campaña opóndose a este proxecto de troncalidade, mentres que as sociedades de Uxencias e Emerxencias (Semes) e Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (Seimc) barallan a posibilidade de impugnar o Real Decreto unha vez publicado. En abril o CEEM organiza varias manifestacións que xuntan por volta de 8.000 estudantes (podes ler aquí como foi a de Compostela). En xuño, a Comisión de Recursos Humanos do SNS aproba as indicacións do Consello de Estado e devolve o texto para ser aprobado de urxencia. En xullo, sete sociedades científicas, o CEEM e seis asociacións de doentes asinan un manifesto contra a troncalidade. Nese mesmo mes, o texto definitivo é enviado ao Consello de Ministros, que aproba finalmente o Real Decreto e é publicado no BOE en 6 de agosto de 2014. Podes consultar aquí o texto definitivo.

Proximamente farei outro artigo esmiuzando o Real Decreto (o artigo xa está dispoñíbel, podes lelo nesta ligazón). Non obstante, está claro que non vai afectar á próxima convocatoria do MIR e que non terá efecto ningún nos residentes que xa teñan a súa praza no momento da súa implantación. O problema vén para os que comezan 6º de Medicina agora en setembro...

Que opción é máis probábel no MIR?

A academia CTO editou un libriño moi útil chamado “Táctica y estrategia en el examen MIR”, que recomendo a toda a xente que se vai presentar ao MIR, independentemente da academia en que o estea a preparar. Ao comezo do libro, na 1ª edición (na 2ª xa actualizou os datos, mirade os comentarios deste artigo), o Dr. Macarrón cóntanos que a opción máis probábel dunha pregunta calquera do exame é a 4, e que por tanto, no caso de dubidar entre varias opcións, é a que deberiamos marcar. Mais... é isto certo?

O propio Macarrón di que este dato foi calculado baseándose nos datos de todos os exames MIR até 2010, ano en que foi editado o libro. Consoante eses datos, a opción máis correcta é a 4, seguida de perto pola 3, un pouco máis lonxe a 2, a 5 e por último a 1. Isto é, 4>3>2>5>1.

Mais 2010 foi un ano de mudanzas, coa redución do número de preguntas (de 260 a 225) e a introdución das nosas queridas imaxes. Entón, non está de máis botar unha ollada a como foi desde entón a distribución das respostas correctas. Vémolo na táboa a seguir:

Tende en conta que o MIR 2013 foi o realizado en febreiro de 2014, o MIR 2012 o de febreiro de 2013...
así é como os numera o Ministerio, a min non me preguntedes.

Que encontramos? Pois que a tendencia está a mudar. No MIR 2009 e MIR 2010 podería dicirse que se mantén a probabilidade histórica, mais no MIR 2011 temos as opcións 3 e 4 empatadas en terceiro posto, logo da 2 e da 1. No MIR 2012 a opción 4 é a terceira, por tras da 3 e da 2. E no último MIR as opcións 3 e 4 empatan no último lugar. E aínda que de media podemos observar que se mantén o 4>3>2>5>1 (vaia, tecnicamente 4=3>2>5>1), a tendencia está a ser que cada vez as opcións 3 e 4 son menos probábeis. Será que os profesores se decataron e están a tentar corrixir o desequilibrio entre as opcións? Vendo que no último MIR, por hipercorrección, as opcións 3 e 4 caíron estrepitosamente, eu diría que si.

Estes son os datos da táboa en forma de gráfica. Non é que sexa necesario, de feito é bastante redundante tendo xa os datos na táboa, mais é que me gustan as gráficas. Son tan xeitosiñas!

Agora que xa temos todos os datos, cal é a conclusión? No caso de dúbida marcamos a 4 por ser de media a máis probábel, ou evitámola porque a tendencia é que a probabilidade sexa menor nos próximos exames? Pois... eu case que me centraba noutras tácticas de resposta e non me comía a cabeza con cal é a opción máis probábel.

Adxudicación de prazas do MIR 2014 en Galiza

Como xa sabedes, hai pouco foi a elección de praza para as persoas que se presentaron ao MIR 2014 (podedes ler a experiencia da miña amiga Lucía ao escoller praza neste mesmo blogue). O caso é que vin que en multitude de webs facían táboas e gráficas esmiuzando todos os datos de postos e especialidades, mais en ningún deles dei encontrado de forma clara datos referidos especificamente a Galiza. Deste xeito, decidín facer aquí un pequeno resumo de como foi a adxudicación de prazas MIR no noso país. Non é algo excesivamente elaborado, só un esbozo a grandes trazos.

Os datos foron tirados todos do sitio dedicado á formación especializada dentro da web do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de España. Revisei os números varias veces e o total de prazas, entre as adxudicadas e as que restan por adxudicar no segundo chamamento, é de 306. É curioso, porque outras fontes aseguran que o número total é 301, mentres que na convocatoria oficial do BOE pon que ese número é 273. Non sei a que se debe ese baile de cifras, supoño que terá algunha explicación simple e satisfactoria, mais eu non a sei. Tanto ten, o caso é que son 306 prazas repartidas entre 42 especialidades.

Para entenderdes a táboa a seguir, o número entre parénteses é o número de prazas desa especialidade que se ofrecen nesa cidade, o número xusto ao lado é o posto da última persoa que colleu unha praza desa especialidade nesa cidade, e o trazo (-) significa que non se ofrece esa especialidade nesa cidade. Non fixen diferenza entre hospitais, de modo que en cada cidade están incluídos todos os hospitais e áreas sanitarias correspondentes. A última columna representa o total en toda Galiza para esa especialidade, e a última fila representa o total de prazas para a determinada cidade. Por último, Vac. significa que a última ou últimas prazas desa especialidade nesa cidade están vacantes despois do primeiro chamamento.



Todos os datos da táboa anterior son do primeiro chamamento. Por causa do cupo para extracomunitarios (xente procedente de fóra da Unión Europea), ao final faise un segundo chamamento para encher esas prazas vacantes. Como aínda non tivo lugar ese segundo chamamento, póñovos tamén a táboa coas correspondentes prazas vacantes, como complemento para entender mellor os Vac. da primeira táboa.


Por último, vou resaltar algunhas curiosidades destas cifras:

  • Galiza é a 6º comunidade autónoma que máis prazas ofrece, despois de Madrid, Cataluña, Andalucía, País Valenciano e Castela e León.
  • A primeira praza galega en ocuparse foi Cardioloxía en Santiago de Compostela, escollida polo galego Brais Díaz co número 26.
  • Porén, a persoa galega co posto máis alto foi Juan Espinosa, co número 15, que decidiu facer Medicina Interna en Cataluña, no Hospital Vall D'Hebron.
  • A especialidade cun maior número de prazas en Galiza é Medicina Familiar, con 88. Séguena de lonxe Pediatría con 19 e Anestesioloxía con 18.
  • A cidade que ofrece un maior número de prazas é Vigo, con 70. Non é de estrañar, xa que é a cidade máis poboada (296.479 habitantes) e a que ten máis hospitais, 3 (Xeral, Meixoeiro e Povisa).