Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta Consellos para estudantes de Medicina da USC. Ver todas as publicacións.
Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta Consellos para estudantes de Medicina da USC.Ver todas as publicacións.

Consellos á xente que comeza Medicina

Seguramente sexades estudantes que acabades de comezar Medicina e estaredes a ler isto coa esperanza de encontrar unha axuda que vos guíe nesta nova aventura. Pois non. Lamento informarvos que este artigo non o escribo para vós, escríboo para o meu eu do pasado, para ese Jon de 18 aniños que chegou a Compostela con máis actitude que aptitude e máis esperanza que experiencia. Porque se puidese voltar atrás no tempo, isto é o que me diría.

Imaxe: lanzada.com.ph

A persoa que senta ao teu lado non é a túa rival, é a túa compañeira

A medicina non é unha competición por ver quen é mellor, é un traballo en equipa para poder chegar á meta. Comparte os apuntamentos e os exames vellos, gratis, sen esperar nada en troca. Cando vexas que unha compañeira está a chorar, sobrepasada pola presión dos exames, vai onde ela e apóiaa. E si, se no medio do exame ves que a do lado está desesperada, murmúralle algunha resposta. Porque ao final o bo médico non é o que sabe toda a medicina, é o que é capaz de facer que as persoas se sintan mellor.

Consello #09: Vai ás charlas das academias do MIR


Vai ás charlas das academias do MIR, dan regalos útiles.

Durante 5º, virá xente das academias de preparación do MIR darvos charlas para extorsionarvos convencervos de que vos apuntedes. Aínda que hai que ter bo siso e non deixarse enganar, que che son moi raposeiros, é bo ir ás charlas, mesmo que sexa só polos regalos. Por exemplo, nos últimos anos CTO vén dando gratis o libro Táctica y Estrategia en el examen MIR, que é moi útil con independencia da academia en que acabes, e se o queres comprar custa 25€. Xa os de AMIR non son tan xenerosos e só dan un pendrive, mais... é diferente cada ano. Podedes facer colección.

E non digades que volo dixen eu, pero aínda que non sexades de 5º podedes ir ás charlas igual e coller os regalos, que non vos van pedir que demostredes de que ano sodes. ;)

Consello #08: Tratade ben os bedeis


Os bedeis de Medicina son xente excepcional. Tratádeos ben.

Consello #07: Facede a novatada á xente que entre en primeiro



Facede a novatada á xente que entre en primeiro.

A novatada é unha das mellores tradicións, pero desgrazadamente está a desaparecer nos últimos anos. A premisa é fácil: No primeiro día de aulas, un estudante de 6º faise pasar por profesor e dá unha clase de presentación. O obxectivo é meter medo aos novos estudantes que acaban de chegar, inventando cousas terríbeis sobre a Medicina ou facéndoos quedar como ignorantes, con exame sorpresa incluído. Ao final de todo, cando os estudantes xa están a pensar en fuxir da carreira, revélase que todo fora unha novatada e dáse a benvida á nova xeración á facultade.

Nota: No vídeo, a rapariga que chora ante a pregunta do profesor é unha estudante de 6º e está a finxir. Ningún estudante foi danado durante a realización desta novatada.

Consello #06: As leccións máis importantes apréndense na cafetería


As leccións máis importantes apréndense na cafetería.

No semisoto da facultade, xusto debaixo das aulas 4 e 5, encóntrase a pouco coñecida aula 0. Nela impártense materias tan importantes na formación médica como son Cafetería Patolóxica, Cafetería Clínica ou Cafetería Médico-Cirúrxica. O profesor encargado da docencia é o eminente catedrático Luís García, ao que xentilmente chamamos Tío Luís. Por causas alleas ao departamento, os horarios poden solaparse cos doutras materias, polo que pode ser preciso que faltes a algunha delas. Mais non te preocupes, paga a pena. Saber Fisioloxía ou Anatomía pode facer que sexas mellor médico, mais as leccións que aprenderás na cafetería farán sen dúbida que sexas mellor persoa.

Consello #05: Hoy no hay clase


Hoy no hay clase significa que hai que ir á clase para non ter clase.

Dúas veces ao ano, observaredes como a xente de sexto irrompe nas aulas con aparencia de levar toda a noite de festa ao grito de Hoy no hay clase. Non vos preocupedes, non é un dos sinais da apocalipse, é unha tradición que vén de lonxe. A primeira das veces é en decembro, despois da súa cea de Nadal, na cal aparecerán con adornos típicos da época e convidaranvos a cantar panxoliñas coa letra convenientemente modificada (vídeo). A segunda será á altura de abril, despois da súa cea de Licenciatura, e virán cunha charanga, un conxunto de gaiteiros ou calquera agrupación musical equivalente (vídeo).

Para que todo vaia como debe ser, é importante que as persoas de anos inferiores sigan estas dúas sinxelas normas:
  • Aínda que saibades que van vir os de sexto, hai que ir á clase. Non vale saír no día anterior e dicir "bah, non vou á clase, total vana rebentar". É máis, se es das persoas que non acostuman ir, ese día non podes faltar.
  • Hoy no hay clase significa precisamente iso. Nos últimos anos está a perderse ese concepto, e é fundamental. Cando chegan os de sexto, faise festa e non se volve dar clase en toda a mañá.

Nota: Se queredes ver máis vídeos das rebentadas de clase da miña promoción, botade unha ollada a este canal do Youtube.

Consello #03: Como evitar que os profesores che pregunten

Se no medio da aula un profesor che fai unha pregunta, pode ser que non saibas a resposta ou que cos nervios non deas respondido. Haberá profesores aos que un "non sei" lles chegue, pero todos nós sabemos que hai outros que se non respondes farán por deixarche en ridículo e mandarche traballos para a casa. E ninguén de nós quere iso, non é? Pois atende ben estes consellos...

- Escolle ben onde sentar

Sentar na primeira fila é un erro obvio, mais tamén o é sentar na última. En xeral, evita sentar onde o profesor poida chamar a túa atención dando un golpiño na túa mesa ou tocándote no ombro. Se tes dúbidas, olla o seguinte gráfico, onde as liñas grises son os corredores por onde o profesor pode camiñar, os X vermellos os lugares perigosos e os V verdes os sitios seguros.


- Non leves roupa de cores rechamantes nin características distintivas

A camuflaxe non é só cousa da guerra. É común nos profesores preguntar sinalando e dicindo "tu, o de vermello", "a rapaza de azul", "o do xersei a raias" e cousas do estilo. Evita isto levando roupa con cores neutras e que sexa dificilmente descritíbel.

- Non baixes a cabeza sen máis, finxe estar a escribir

Aínda que a técnica de finxir escribir é xa pouco efectiva, polo menos así se che pregunta poderás pedirlle xentilmente que che repita a pregunta, gañando tempo para pensar unha resposta que dicir. É importante non baixar a cabeza sen máis, xa que o profesor non é parvo, verá que estás evitando a súa mirada e irá por ti.

- Se preguntan ao compañeiro do teu lado, prepárate

Di o refrán Cando vexas as barbas do veciño a arder, pon as túas de mollo. É probábel que, se o compañeiro do teu lado non sabe a resposta, che toque a ti recibir o rebote como nun concurso da TV. Por iso é importante que andes con ollo e busques desesperadamente a resposta nos teus apuntamentos mentres o teu colega titubea. E oes, se a encontras a tempo tamén podes ser solidario e chivarlla!

- Se todo falla, pon cara de póker e responde seguro de ti mesmo

A pesar de todo o esforzo, pode ser que sexa o teu sino ser preguntado. Nese caso, o importante é non perder a calma e responder seguro de ti mesmo. Para gañar tempo podes pedir xentilmente ao profesor que repita a pregunta, e acto seguido repetila a modo de afirmación con outras palabras. Mentres fas isto pon cara de moita concentración ao tempo que botas unha ollada de esguello aos apuntamentos e dás un toquiño ao teu compañeiro para que cho chive.

E se nada funciona e non che vén á cabeza nada minimamente coherente que dicir, solta un "non sei" moi convencido, sen titubear e mantendo o contacto visual. Se cheira o teu medo cebarase contigo, se te ve firme deixarate e irá coa pregunta a outra presa máis débil.



Actualización: Acaban de lembrarme polo Twitter unha técnica que faciamos nós con certo profesor. Para evitar que andase entre as mesas, bloqueabámoslle o paso pondo mochilas, abrigos, bolsos e cousas do estilo no chan. Ben é certo que algunhas veces chegou a saltar por riba das barreiras anti-profes, pero... e o gracioso que é ver saltar a un profesor?

Consello #2: Tactos rectais

Tarde ou cedo vas ter que facer un tacto rectal a alguén. É mellor que te vaias mentalizando...

Consello #01: Fuxide, insensatos!

Estudantes de primeiro de Medicina, aínda estades a tempo. Fuxide a fume de carozo!