Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta A vida do Jon. Ver todas as publicacións.
Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta A vida do Jon.Ver todas as publicacións.

O día que 'As MIR e unha noites' acabou

Sabedes cando estades a escoitar música cos auriculares, a música acaba e continúas cos auriculares postos? Pois iso é o que acontece con As MIR e unha noites. A música acabou hai moito tempo, mais eu continuaba cos auriculares postos, negándome a aceptar o silencio. Este blogue significou moito para min. Foi a miña vida, a miña ilusión, o meu xeito de me mostrar ao mundo. Foi o meu compañeiro e testemuña durante un tempo moi decisivo. E foi, por riba de todo, a historia do meu fracaso.

Non me entendades mal, non foi un fracaso o blogue. Se mesmo cheguei a falar na radio del! O fracaso foi a miña vida. O fracaso, en definitiva, fun eu. Mais o fracaso non é algo mao, todo o contrario. O fracaso é a oportunidade de aprender, de crecer, de encontrar novos camiños. E o meu camiño afastouse do MIR e deste blogue.

Se me queredes seguir a pista, o meu usuario é @amilgz en todas as redes sociais, e seguramente continúe a selo nas novas redes que saian no futuro. Se non, tampouco hai moita xente galega chamada Jon Amil. Podedes lembrarvos deste blogue, desta historia, cada vez que vexades o meu nome nalgún sitio.

E para concluír, xa que lle roubei a House o logo deste blogue, voume apropiar tamén dunha das cancións que usan nesa serie. Porque eu non conseguín o que quería. Porque non sempre podes conseguir o que queres.

O día que saín nun filme

Como xa adiantara no artigo sobre o meu bigote, onte fun de figurante á rodaxe de Aundiya (variante dialectal de handia, que significa grande). O filme, para que saibades un pouco, é dos mesmos creadores de Loreak, o que fora preseleccionado para os Oscars no ano pasado. O argumento baséase nunha historia real, a do xigante de Altzo, un euscaldún de 2,42 metros que viviu hai 150 anos.

Mais eu vouvos contar a miña experiencia como figurante. Todo comezou comigo collendo o bus para ir a Honddarbi (que é como a xente guai do Bidasoa chamamos a Hondarribia). O Google Maps, máis unha vez, salvoume o cu. Non é por gabar eu á multinacional, mais a verdade é que mesmo che di a que hora pasa o bus pola parada máis próxima, cousa que non din nin na páxina oficial dos buses. Cheguei alá media hora antes, por causa dos horarios, e decidín ir tomar un café para facer tempo. E non encontrei cafetaría ningunha. Dei voltas pola parte vella de Honddarbi, mais nada. Vese que alá non traballan o negocio das cafetarías. Salóns de peiteado, iso si, vin mínimo tres. Non sei que quererá dicir iso sobre os hondarribitarras.

O día que deixei bigote

Se cadra o feito de que xa compartira por aquí varios vídeos meus vos fixo sospeitar algo, mais o caso é que me gusta actuar. E si, facer vídeos parvos no Youtube encántame, mais dei en apuntarme nunha axencia de casting e figuración chamada Binahi, por se podía facer algo máis serio. E efectivamente, chamáronme para facer de figurante nun filme euscaldún chamado Aundiya (working title). Vaia, ser figurante é apenas estar no fondo, desenfocado, a facer vulto. Mais é un comezo, e nunca antes vira como se fai un filme de dentro.

A gravación das escenas en que saio eu é pasadomañá, e hoxe tiña que ir a Loiola (Donostia) facer a proba de vestiario. Como vivo en Irun, a forma máis cómoda de ir é nun tren lixeiro da empresa Euskotren chamado coloquialmente topo, aínda que agora teiman en chamarlle Metro Donostialdea. Deben pensar que así poden dicir que Donostia ten metro, e darlle como máis caché á cidade, mais é absurdo. O topo é o topo e punto. A verdade é que, nomenclatura á parte, funciona moi ben. Cada media hora sae un tren de Hendaia a Donostia e tarda uns 35 minutos en chegar. E o prezo, pagando coa Mugi Txartela (o cartón de transporte de Gipuzkoa), non chega aos 1,50€.

Como non sabía moi ben onde quedaba o sitio onde me citaban, tiven que me axudar do Google Maps. Cando cheguei alá, un edificio isolado e algo ruinoso, ao carón do río Urumea, non daba topado a porta para entrar. Afortunadamente, viña atrás outro figurante que me indicou a entrada. Moi simpático o tipo, dito sexa de pasaxe. Xa dentro, mentres agardabamos, deume unha amena perorata sobre o bo actor que era, os anos de interpretación que fixera e o hijos de puta [sic] que era toda a xente no mundo do cinema español.

O entrevistador entrevistado



Un día andaba eu a gravar entrevistas na rúa para Macarrones con tomate (tipo as que fixemos no Expotaku, mais doutro vídeo que sairá proximamente), cando un grupo de rapaces se achegou a min para... entrevistarme!

Estaban a facer un vídeo para un concurso de ciencia, e fixéronme tres preguntas de lóxica. E non é por me gabar, mais dixéronme que fora o único que acertara todas. De todos os xeitos, no vídeo final só puxeron unha delas, e... e vaia, que vexades o vídeo, que é moi interesante!

A miña estrea como reporteiro



Xa teño falado aquí de Macarrones con tomate, que é o nome baixo o cal eu e os meus amigos vascos facemos vídeos. Desta volta decidimos facer algo un pouco diferente ao que viñamos facendo, e demos en facer entrevistas divertidas nunha nova serie de vídeos chamada Haciendo la calle. E, como non, tocoulle facer de reporteiro a este humilde blogueiro que vos escribe. Penso que aínda non o fixen mal de todo.

NOTA: Creo que no anterior parágrafo batín o récord de usar máis veces o verbo facer e as súas formas conxugadas. Que alguén avise á xente do Guiness ou algo.

Vibasa (Monbus), non me toques o carallo

Como dixen no vídeo especial do día 1001, non trouxen os apuntamentos do MIR a Irun. Entón, para poder pórme ao estudo o máis cedo posíbel, a miña nai tiña que mandarmos. Como son 26 kg de coñecemento médico, e o prezo dos paquetes vai por peso, valoramos diferentes opcións para envialo. Finalmente, decidímonos polo servizo de paquetaría que ten o bus que fai o traxecto Vigo-Irun.

Explícovos, a compañía Vigo-Barcelona S.A., Vibasa para os amigos, pertencente a Monbus, ten un servizo polo cal podes enviar paquetes entre unha estación e outra. Normalmente, factúrase na estación de saída a calquera momento, sae no seguinte bus, chega á estación de destino e é gardado na consigna até que vas recollelo. Moi bonito todo na teoría. O caso é que a estación de Irun non ten consigna, polo cal tes que estar no momento que chega o bus. Un pequeno incomodo, xa que o bus chega á mañá cedo e hai que madrugar, mais tanto ten. Todo en orde.

Deste xeito, a miña nai onte facturou os paquetes a enviar, e dixéronlle que sairían no próximo bus, que chegaría á Irun ás 7h30 da mañá. Segundo o horario o bus tiña a chegada ás 7h50, mais dixéronlle de estar un pouco máis cedo. Eu, que son moi guiadiño, madruguei e cheguei alá ás 7h20. E agardei un pouco. E agardei máis un pouco. E deron as 7h50. E continuei a agardar. E deron as 8h30. E alí non chegaba bus ningún. E fun preguntar, pero a xanela da compañía do bus non abría até as 10h30. E chamei á miña nai, que chamou á empresa para ver que acontecera. E aquí a primeira putada do día: O BUS CHEGARA ÀS 7h00 E O CONDUTOR, ASÍ QUE CHEGOU, MARCHOU. Porque claro, a pesar de que sabía que levaba paquetes, por norma nunca esperan. Temos nós os usuarios que ter poderes adiviñatorios e saber que o bus vai chegar 20 minutos antes da hora que nos dixeran. Total, que me tocou esperar ás 10h30 para que me atendesen na estación.

Día 1001: Un novo comezo



Hoxe o blogue As MIR e unha noites fai mil e un días. Mil e un días de loitas contra inimigos, de pedir desexos ás bólas do dragón, dalgunha vitoria e moitas derrotas. Mais todo iso fica atrás. É a hora de se preparar para a vinganza. É a hora dun novo comezo.

O vídeo foi gravado coa axuda dos meus amigos de Irun, cos cales me xunto para facer vídeos baixo o nome de Macarrones con tomate. Se tendes un momento podedes subscribirvos no noso canal do Youtube, que axiña terá vídeos novos. E non vos esquezades de subscribirvos tamén no canal d'As MIR e unha noites, que tamén haberá sorpresas logo.

P.S: Se no vídeo notades a miña voz un pouco rara, máis nasal do habitual, é porque ando con catarreira. Laméntoo moito, prometo coidarme máis para que nos próximos vídeos poidades gozar da miña doce e cálida voz en óptimas condicións.

O día que mudei de nacionalidade

Esta é a folla de inscrición no padrón, que resulta que non fai falta porque os datos xa os meten directamente no computador.

Xa non son galego. Vaia, galego de nacenza hei de ser sempre, mais xa non son galego a ollos da administración do Estado. Agora son euscaldún.

Hoxe de mañá fun ao SAC, que é un servizo do concello de Irun que é realmente rápido e eficaz (xa podían aprender algúns concellos galegos...) e empadroeime nesta bela cidade. E xa que tiña o día burocrático, tamén desertei do SERGAS, agora son un feliz usuario de Osakidetza. Ben pensado, pódese dicir que son un inmigrante, unha desas persoas que, segundo os cuñados, veñen vivir das axudas do goberno sen traballar ao mesmo tempo que veñen roubar o traballo aos cidadáns honrados.

Quédame a pena de non poder votar nas próximas eleccións galegas, onde se todo vai como ten que ir o PP debería levar unha patada no cu e deixar paso a un goberno de esquerdas e galeguista. Mais polo outro lado vou poder votar nas eleccións vascas, que son igualmente emocionantes. E, non sei, talvez dentro dun ano o deus MIRífico faga que volte de novo á terra nai. Ou se cadra acabo por ficar permanentemente en Euskal Herria. Quen sabe. O caso é que, polo momento, o meu presente está en Irun.

Nunca serei totalmente vasco, mais tampouco son xa totalmente galego. Podería dicirse que son euskalego. Gústame esa denominación. Si, ei, non me miredes mal, que vós ben que usades aberracións como juernes e eu non vos digo nada. De acordo, si que me queixo diso, mais... deixádeme coas miñas movidas, xente pesada!

P.S: Antes de comentardes nada sobre o uso da palabra nacionalidade no título, e non estou a pensar en ninguén en particular (Pablo), lémbrovos que segundo o artigo 1.1 do Estatuto de Autonomía de Galiza e o artigo 1 do Estatuto de Gernika, tanto Galiza como Euskal Herria son nacionalidades históricas.

A historia dun fracaso

«O sentido da vida é ir durmir coa esperanza de que mañá sexa un día mellor» Peanuts

Cando comecei este blogue, 3 de xullo de 2013, a miña idea era presentarme a ese MIR, á convocatoria de 2014. Non puido ser. No día 77(si, antes nomeaba as publicacións por días) daba conta da historia dunha derrota. Suspendera a Médica 3 e a Derma na convocatoria de setembro. Tiña que agardar outro ano. Era o segundo ano perdido, logo de que no meu cuarto ano de Medicina non conseguira pasar de ciclo e tivera que facer un ano-vasoira para recuperar as de atrás.

Un ano despois, 3 de xullo de 2014, estaba cheo de optimismo. Na convocatoria de xuño aprobara a Médica 3, e aínda que o de Derma estaba suspenso aínda estabamos á espera da resolución dunha reclamación. Finalmente, despois dun culebrón, a Derma estaba suspensa, mais aínda tiña a convocatoria de setembro. Moi mal terían que darse as cousas para que non puidese ir ao MIR 2015. Mais como din os anglófonos, shit happens, e en setembro happened unha shit de proporcións épicas. Suspendéronme a Derma cun 4,8. Dúas décimas e uns profesores resentidos fixeron que tivese que perder máis outro ano.

Jon, que queres ser cando sexas grande?

Non me lembro cando foi que decidín que quería ser médico, é algo que teño claro desde sempre. Fozando entre papeis de cando ía á escola encontrei esta redacción de hai exactamente 20 anos. No excelente debuxo que acompaña a inspirada redacción pode verse unha enfermeira á porta da miña consulta. E ten a plaquiña de Dr. Amil e todo!


O día da mudanza

Ilustración do xogo de mesa De mudanzas! (Fonte: zacatrus.es)

Domingo, 1h da tarde. Erguinme da cama aínda medio groggy, xa que a noite anterior saíra co meu amigo Pablo, como despedida do meu piso de Santiago. As miñas cousas xa estaban todas ben gardadiñas en caixas, salvo aquelas que ía precisar, porque lavarse é importante, e máis cando tes que meterte nun coche para facer unha mudanza.

Quedara co Pablo ás 5h da tarde para meter todo no seu coche e facer o traslado. Ofreceuse el, como bo amigo, xa que eu non teño coche. Vaia, non teño coche porque non teño carné, e sería absurdo ter un coche se non o podo conducir. Carné de conducir, quero dicir, porque o carné do Xabarín Club si que o teño, só que non creo que me sirva para conducir. Vaia, que me estou a liar...

O caso é que tiña 4 horas, da 1h ás 5h, para comer, ducharme, limpar o baño, gardar as cousas que aínda non gardara e ir onde os caseiros devolver as chaves e coller a fianza. Fácil e simple. O primeiro que decidín foi ducharme, para quitar o cheiro ao bravú que deixa a troula compostelá. Na parede do cuarto de baño hai pendurado un pequeno radiador que emite ar quente, e para acendelo hai que puxar dunha cordiña. Non son eu moi friorento, mais estes días houbo frío e ao saír da ducha mollado decidín acendelo un pouco. Mentres me secaba, cando xa fun entrando en calor, quixen apagar o radiador, e puxei da cordiña. E non apagou.

O día que fixen o MIR

Despois de varios días de bo tempo, o sábado 6 de febreiro choveu. Choveu moito, como o agoiro dunha desgraza que estaba por vir. Por sorte, o tempo meteorolóxico e o resultado dun exame son dous feitos independentes sen unha relación de causalidade, e o único problema foi que me mollei polo camiño.

O primeiro que vos podo dicir sobre o exame é que toda esa ritualidade que pensamos que ten é falsa. Na academia insisten en levar o DNI nun peto, o pasaporte noutro por se perdemos o DNI polo camiño, levar vinte bolis, catro reloxos, clips, grampadora, chocolatinas e estar diante da porta media hora antes salivando como o can de Pavlov. Parvadas. É moito máis cotián que todo iso. A xente que chama por lista e vixía son persoas totalmente normais, e no meu caso particular simpáticas e agradábeis. Non che deixan entrar sen identificar, obviamente, mais fóra diso son xente comprensiva que está aí polo teu ben.

Sobre o exame en si, pois que dicir? Que foi raro. Raro de carallo. Pouca estatística e epidemioloxía (que é o que mellor se me dá!), moita ética e preguntas dese pau (nas cales todo o que estudases non importa), e moitas imaxes. Ai, miña nai querida, as imaxes. Normalmente son menos de 20, e sobre cada imaxe hai dúas preguntas encadeadas cun caso clínico, dentro do cal a imaxe é apenas un dato máis. Desta vez non. 30 imaxes, unha pregunta por imaxe, e a maioría preguntas directas. Xa a primeira era unha imaxe dun atlas de anatomía e din "veña, que é iso que sinalamos cunha frecha?". Quen se lembra da Anatomía de primeiro a estas alturas? Quen podía imaxinar unha pregunta así no MIR? E por se fose pouco, outra era unha foto dun campo cirúrxico e nela están a sinalar unha estrutura coa pinza, alá entre sangue e vísceras. En fin, podería falar moito máis sobre isto, mais xa as academias farán vídeos de media hora comentando todo ao pormenor, e tampouco lles vou quitar eu o choio.

«A estafa dos L. Casei», o piloto dunha serie que non foi adiante

A comezos do verán, a xente de IrmandadeTV púxose en contacto comigo. Estaban a buscar persoas para faceren vídeos curtos, estilo vlog, sobre diversos temas, para emitilos a través da Internet e dalgúns canais de televisión de ámbito local. Deste modo, unha tarde fun até o seu estudio e gravamos un episodio piloto.

Por desgraza, parece que IrmandadeTV está a pasar por un momento complexo e aínda non volveu retomar as emisións, polo que a estas alturas a serie de vídeos que tiña pensada facer non vai ir xa adiante. Entón, para que non se perda, partillo aquí ese piloto do que puido ser e non foi.


Animorphs

Foto de todocolección.net, que os meus libros
téñoos todos na casa da miña nai.
Cando era pequeno, alá polos finais da década dos 90, era moi seguidor dunha saga de libros chamada Animorphs. Aproximadamente cada mes saía un libro novo, continuando a historia, e eu ía á libraría Prisma de Vigo compralo. As dependentas da tenda xa me coñecían, e cando me vían entrar xa dicían "Non, aínda non chegou o novo libro". E eu volvía ao día seguinte. E ao seguinte. Até que nun estante ao fondo, que eu xa tiña memorizado, estaba o novo libro. Mais o tempo pasou e, non sei ben por que, non puiden encontrar un dos libros. Nin o seguinte. E perdín o fío. E chegados ao número 25, Ediciones B decidiu directamente deixar de editalos. Supoño que non irían moi ben de vendas. E deste modo, nunca souben se Jake, Rachel, Marco, Cassie, Tobias e Ax conseguiran deter a invasión dos Yeerks.

E os anos pasaron. E a tecnoloxía avanzou. E en decembro de 2011 comprei un Kindle, o lector de libros electrónicos de Amazon. E pensei, por que non ver como acaba a saga?

O problema é que non existe a colección completa traducida. En portugués só foron traducidos os até o 8 en Portugal (onde chaman João a Jake!) e até o 14 no Brasil, sen nada en formato dixital. En castelán foron traducidos oficialmente os 25 primeiros, e algún máis existe cunha tradución feita por fans. E en formato dixital non están, están dispoñíbeis na web Asterisco.Asterisco, onde ían publicando os capítulos dos libros aos poucos, como se fosen artigos dun blogue. Entón tería que lelos no computador ou pasalos eu a formato ebook copiando cada capítulo e convertendo os libros. Á vista disto, desistín.

Entrevista en Proxecto Neo


Esta tarde tiven a honra de ser entrevistado no programa de radio Proxecto Neo, que fai Radio Burela en colaboración co IES Perdouro e é emitido a través das emisoras Radio Burela e Cuac FM. Falei de lingua, falei de medicina, falei de min, e como non pode ser doutro xeito, falei d'As MIR e unha noites.

Déixovos aquí a gravación íntegra do programa. A miña entrevista vai do minuto 12:20 ao 43:20. Que agora que o penso, botei a falar 31 minutos e non dixen nada de xeito. Chégalle ben!



P.S: Quero aclarar que a miña voz é ben máis bonita, mais a entrevista foi telefónica e o meu móbil é bastante chafalleiro. Xa as parvadas que digo son culpa totalmente miña, aí o móbil non ten nada que ver.

Alberto FM: «A ruta do cambio»


Este artigo foi escrito polo meu compañeiro de batallas Alberto FM, e vén sendo unha continuación de como foi o día que acabamos Medicina (o cal contei nestoutro artigo). Non lle movín unha vírgula, así podedes desfrutar do seu barroquismo textual e das súas inmensas frases de 4 liñas. Ai, cantas discusións tivemos por culpa diso para redactar o TFGM, mi madriña!


Ata o de agora sempre escribín cousas serias para o blog, mais xa era hora de deixar de ser un carca, como diría Pablo Casado, e contar algo lúdico.

Como ben sabedes, hai uns días Jon e mais eu expuxemos o noso TFGM ante o tribunal de avaliación. A continuación, como tiñamos previsto de antemán, démonos unha pequena pero ben merecida celebración.

Polo visto había un coletas a pulular eses días por Galiza, pero n'As MIR e unha noites vamos sempre por diante e o camarada Jon e o seu coletas de cabeceira, este que vos escribe, xa fixemos antes a nosa propia ruta do cambio, do cambio de estudantes a licengraduados en Medicina: o París-Ourense-Dakar.

Foi unha apaixonante viaxe pola rúa do Franco compostelá nunha solleira mañá de xuño, ateigada de turistas e vendedoras de doces que, a pesar de estarmos xa case titulados, seguen a detectar o noso cheiro estudantil e non nos ofrecen nin tan sequera as migallas.

De esquerda a dereita, Jon no París, Alberto no Orense e Jon de novo na terraza do Dakar. Como podedes comprobar, na primeira das fotos hai un arco da vella, como símbolo do apoio do Jon á causa LGBT. Porén, o Alberto prefire fumar un puro, dando un exemplo pésimo a toda a xente que segue este blogue.

O día que acabei Medicina

Día 25 de xuño de 2015. Despois de estar toda a noite sen case poder durmir, erguinme á mañá cedo. Metinme de cabeza na ducha para ver se espertaba un pouco, mentres mentalmente ía repasando o guión da presentación do Estudo do cumprimento das indicacións na prescrición de IBP: Aproximación aos factores de risco para a prescrición inadecuada, que levaba días ensaiando. Vestín a miña camisa de txikitero (kabenzotz!), os meus calcetíns de Spider-Man, as miñas converse azul TARDIS (allons-y!) e un pantalón vaqueiro. Si, é que me gustan os pantalóns vaqueiros, sen máis, non toda a miña roupa ten un significado transcendental.

Saín da casa e no medio do camiño xuntouse a min Alberto (si, o mesmo que ten colaborado algunha vez no blogue). El foi o meu incansábel compañeiro de fatigas e fixeramos xuntos o TFGM que iamos presentar esa mañá. Sen el nada disto sería posíbel, e nunca llo hei de agradecer o suficiente. Lamentabelmente, os dous tiñamos a presentación á mesma hora en salas diferentes, co cal non puidemos ir ver un a presentación do outro.

ACOE

Facer a ACOE é como responder un exame de algo que nunca che explicaron. Porque si, en teoría durante as nosas prácticas adquirimos os coñecementos prácticos necesarios... en teoría... Mais vamos comezar polo principio, que seguro que moitas non sabedes nin do que estou a falar.

Esta foto resume moi ben como fixen a RCP. A única diferenza é que eu teño barba.

ACOE son as siglas Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada. Si, en moitos sitios veredes escrito ECOE, porque esas son as siglas en castelán, mais é exactamente o mesmo. Trátase dunha proba que se fai ao acabar os estudos do grao en Medicina, onde se valoran as habilidades do estudantado para tratar con doentes e realizar as prácticas clínicas básicas (historia cínica, anamnese, exploracións...). Consiste en varias estacións con diferentes casos clínicos, onde hai unha actriz, un manequín ou unhas imaxes que tes que atender, sendo valorado en cada unha diferentes ítens, da relación médico-doente ao diagnóstico e pauta terapéutica.

Día 644: Gotta catch 'em all!

Este é o diploma que certifica que completei a Pokédex. Mais só completar a Pokédex non era suficiente reto para min.

A miña historia con Pokémon remóntase ao Natal de 1999, cando me regalaron unha Game Boy Color co Pokémon Azul. Por cousas da vida e de non saber, o cartucho que me compraran era unha copia pirata da versión americana. Por ser versión americana, a pesar de estar en inglés, permitíame facer moitos trucos e obter cousas que non había na versión europea. A parte mala é que por ser versión pirata a partida borróuseme un par de veces. Mais por sorte, no verán de 2000 saíu o Pokémon Amarelo, e con moito tesón conseguín xuntar nel os 151 pokémons. Un de cada especie.

No 2001, polo meu aniversario, regaláronme o Pokémon Prata. Esta nova xeración de xogos incluía 100 novos pokémons, que de novo volvín conseguir. E non só iso, senón que pasei todos os pokémons do Pokémon Amarelo, tendo así todos os 251. Un de cada especie. No Natal dese ano saíu o Pokémon Cristal, mais xa aos poucos fun deixando a afección, e a Game Boy foi acumulando pó.

Día 609: Sen Internet de novo

Recordades a que se armou cando quedei sen Internet en Irun?

Lembraredes, e se non xa volo conto, que vivía nun pequeno estudio na zona das Cancelas. Chámalle estudio, chámalle buraco infecto, cheo de humidades e con temperaturas próximas ao punto de fusión do nitróxeno (ou sexa, moito frío). Dito isto, aconséllovos que nunca vivades nun piso -2, por moito que volo vendan como entresuelo. O caso é que xa alí tivera problemas para ter Internet, mais ao final argallei unha solución.

Pois ben, a boa nova que vos teño que contar é que me mudei e agora vivo nun lugar mellor. Máis céntrico, máis grande, con temperaturas normais e sen problemas de humidades. O reverso tenebroso é que volvo non ter Internet. Non vos preocupedes, hei de argallar algo de novo, son home de recursos, mais pasará un período de tempo indeterminado até entón. E iso que quere dicir? Que polo momento o blogue será actualizado moito menos. Síntoo, é o que hai.

Agora virá alguén a replicar Pero se non tes Internet, como é que estás a escribir isto no blogue? Estafador!. En primeiro lugar, sosega un pouco. E en segundo lugar, vin á Conchi para me conectar. E permitídeme outro consello, por moi ben que disimuledes e vos fagades pasar por investigadores (ei, eu estou a traballar no TFGM, que tecnicamente é un traballo de investigación!) non vaiades á primeira planta. Hai un home rabudo que anda á espreita e como sospeite o mínimo bótate fóra.