Quen son? / Contacto

QUEN SON?

Boas! O meu nome é Jon Amil, son graduado en Medicina, e este é o meu blogue. Con isto xa tendes información suficiente sobre min, mais vou falar un pouco máis, porque definirme nunha soa frase dá aparencia como de persoa pouco profunda e nada interesante. E non, non son unha persoa profunda nin interesante, mais iso vós non tendes por que sabelo.

Veredes, eu nacín hai xa bastantes anos, curiosamente nun hospital. A miña nai podía ter dado a luz, non sei, nunha ferraxaría, mais decantouse polo hospital. Dalgún xeito o seu subconsciente sabía cal sería o futuro do seu fillo non-nado... Ou se cadra é que lle viña mellor parir nun ambiente aséptico rodeada de profesionais que nun local cheo de ferralla e ferramentas de bricolaxe. É un misterio que nunca saberemos.

Os anos foron pasando e fun facendo diversas cousas na miña vida, cousas que tampouco é cuestión de contar aquí, que isto é o apartado Quen son? e non o Sálvame Deluxe. O caso é que alá polo lonxincuo verán de 2013 tiven a idea de comezar un blogue para narrar as miñas aventuras e desventuras no estudo do MIR, que dei en chamar As MIR e unha noites. Porén, a vida é dura, e por cousas que pasan non puiden presentarme ao MIR nesa convocatoria. Nin na seguinte.

Afortunadamente todo chega, e despois de moito loitar conseguín acabar Medicina de vez. Entón agora mesmo estou totalmente inmerso na preparación do MIR 2016, no cal espero conseguir a praza de Pediatría que quero. E xa está, vou deixar de dar datos sobre min, que tamén hai que crear certo misterio. As persoas misteriosas parecen profundas e interesantes, e como dixen ao principio, é moi importante para min que pensedes que son profundo e interesante.


Vouvos deixar coa intriga de non saber a identidade do atractivo protagonista do vídeo. Só vos direi que, segundo contan por aí, é unha persoa profunda e interesante. E moi guapo.

CONTACTO

Se queres contactar comigo, podes facelo no correo-e contacto@asmireunhanoites.com, a través do Facebook ou Twitter, ou deixando un comentario nalgún dos artigos deste blogue. Se queres corrixir algún erro meu, colaborar dalgún xeito ou simplemente comentar calquera cousa, non teñas medo. Finxirei ser simpático.