«O deterioro da sanidade pública nos últimos anos» en Nós Televisión



O canal Nós Televisión (que actualmente emite nas comarcas de Tabeirós-Terra de Montes, Deza, Arzúa, Terras de Melide, Ordes e Compostela a través da TDT, e para todo o mundo a través da Internet) fixo esta reportaxe sobre o estado da sanidade pública galega. O vídeo céntrase especialmente na área sanitaria de Compostela, e conta coa participación de integrantes da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

Recomendo que deades unha ollada ao vídeo, e se vos gusta, subscribídevos ao canal do Youtube de Nós Televisión.
widgets for blogger

Os xenitais e o uso de armas

Neste verán estiven a traballar nun centro de recoñecementos médicos e psicotécnicos. Entre outras cousas, eu era o encargado de facer o recoñecemento médico á xente que quería obter ou renovar a licenza de armas. Todas as limitacións ou restricións para posuír unha licenza de armas figuran no Real Decreto 2487/1998, co cal me tiven que familiarizar para poder facer o meu traballo de maneira competente. Até aquí, todo ben.

Unha das cousas que máis me chamou a atención dese Real Decreto é que tivese un apartado dedicado ás doenzas xinecolóxicas. Quero dicir, é lóxico que haxa restricións ao uso de armas por perda da capacidade visual, por problemas neurolóxicos ou mesmo por diabetes. Mais que problemas xinecolóxicos podían supor un risco para o uso de armas? Pois alá fun mirar, e depareime con este cadro.

Podes ver o texto completo na web do BOE

Ser científico é unha actitude


Este artigo, escrito por este humilde blogueiro, foi publicado orixinalmente na páx. 68 do número 35 de Auriensis, a revista do Colexio de Médicos de Ourense.

Esta é unha pequena captura da revista. Se queredes lelo enteiro, baixádea en pdf.

Hai unhas semanas gravei un vídeo titulado “Que vén sendo a homeopatía?”. Para facelo, achegueime a unha farmacia que vendía produtos homeopáticos, para ver como os presentaban alá á xente común. O que me contaron non importa agora, podedes velo no Youtube se queredes, o que me chamou a atención foi outra cousa. A farmacéutica díxome, textualmente, que ela non era científica.

A Farmacia é unha carreira do ámbito das ciencias da saúde. E, segundo a RAG, científica é aquela persoa especialista nunha ciencia. Entón, calquera persoa que teña o título de Farmacia é, por definición, unha científica. Por que aquela farmacéutica non se consideraba científica?

A resposta veu despois, nunha conversa sobre o tema cun amigo químico. Ou sexa, un amigo que estuda Química, non é que use “amizade química” como eufemismo para unha relación afectiva. O meu amigo e eu temos bastante química, mais nunca pasamos ao plano físico. En fin, que me vou do tema. O caso é que tanto el coma min nos consideramos científicos, aínda que nos dediquemos a diferentes ámbitos da ciencia, e chegamos a unha conclusión sobre o verdadeiro significado de ser científico.

A RAG dirá o que queira, mais ser especialista nunha ciencia non fai de ti un científico. Podes ser farmacéutica, químico, médico ou física cuántica, iso non te converte en científico. Ser científico é ser escéptico, non acreditar en supersticións nin crenzas non demostradas. Ser científico é procurar a verdade, sen preconceptos nin apriorismos. Ser científico é ser capaz de mudar o teu pensamento se a realidade demostra algo contrario ao que pensabas. Ser científico é, en definitiva, unha actitude.

Doe a sanidade



A xente do paso de ecuador de Enfermaría (da USC) levan feitos xa varios vídeos parodiando cancións. E dentro do clima de carallada decidiron sacar a vea reivindicativa e ver se algún dos partidos que se presenta ao 26X fai algo de caso. Porque a sanidade ten que ser pública, universal e gratuíta.

Nota: O vídeo este está moi ben, mais teño que dicir que o meu favorito é o de Help enfermeiro!

Quen pode ver a historia clínica?



CRÉDITOS | Tradución ao galego do cadriño ¿Quiénes son confidentes necesarios?, de @mlalanda para medicoacuadros.

O día que saín nun filme

Como xa adiantara no artigo sobre o meu bigote, onte fun de figurante á rodaxe de Aundiya (variante dialectal de handia, que significa grande). O filme, para que saibades un pouco, é dos mesmos creadores de Loreak, o que fora preseleccionado para os Oscars no ano pasado. O argumento baséase nunha historia real, a do xigante de Altzo, un euscaldún de 2,42 metros que viviu hai 150 anos.

Mais eu vouvos contar a miña experiencia como figurante. Todo comezou comigo collendo o bus para ir a Honddarbi (que é como a xente guai do Bidasoa chamamos a Hondarribia). O Google Maps, máis unha vez, salvoume o cu. Non é por gabar eu á multinacional, mais a verdade é que mesmo che di a que hora pasa o bus pola parada máis próxima, cousa que non din nin na páxina oficial dos buses. Cheguei alá media hora antes, por causa dos horarios, e decidín ir tomar un café para facer tempo. E non encontrei cafetaría ningunha. Dei voltas pola parte vella de Honddarbi, mais nada. Vese que alá non traballan o negocio das cafetarías. Salóns de peiteado, iso si, vin mínimo tres. Non sei que quererá dicir iso sobre os hondarribitarras.

O día que deixei bigote

Se cadra o feito de que xa compartira por aquí varios vídeos meus vos fixo sospeitar algo, mais o caso é que me gusta actuar. E si, facer vídeos parvos no Youtube encántame, mais dei en apuntarme nunha axencia de casting e figuración chamada Binahi, por se podía facer algo máis serio. E efectivamente, chamáronme para facer de figurante nun filme euscaldún chamado Aundiya (working title). Vaia, ser figurante é apenas estar no fondo, desenfocado, a facer vulto. Mais é un comezo, e nunca antes vira como se fai un filme de dentro.

A gravación das escenas en que saio eu é pasadomañá, e hoxe tiña que ir a Loiola (Donostia) facer a proba de vestiario. Como vivo en Irun, a forma máis cómoda de ir é nun tren lixeiro da empresa Euskotren chamado coloquialmente topo, aínda que agora teiman en chamarlle Metro Donostialdea. Deben pensar que así poden dicir que Donostia ten metro, e darlle como máis caché á cidade, mais é absurdo. O topo é o topo e punto. A verdade é que, nomenclatura á parte, funciona moi ben. Cada media hora sae un tren de Hendaia a Donostia e tarda uns 35 minutos en chegar. E o prezo, pagando coa Mugi Txartela (o cartón de transporte de Gipuzkoa), non chega aos 1,50€.

Como non sabía moi ben onde quedaba o sitio onde me citaban, tiven que me axudar do Google Maps. Cando cheguei alá, un edificio isolado e algo ruinoso, ao carón do río Urumea, non daba topado a porta para entrar. Afortunadamente, viña atrás outro figurante que me indicou a entrada. Moi simpático o tipo, dito sexa de pasaxe. Xa dentro, mentres agardabamos, deume unha amena perorata sobre o bo actor que era, os anos de interpretación que fixera e o hijos de puta [sic] que era toda a xente no mundo do cinema español.