Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta Apps médicas. Ver todas as publicacións.
Estás a ver as publicacións marcadas coa etiqueta Apps médicas.Ver todas as publicacións.

Epidemia The Game, a app para loitar contra a SIDA


Nestes días existen moitos xogos para móbil. Moitos. De verdade, unha chea deles, é impresionante. Mais hoxe quérovos falar dun en particular. Non é mellor que o resto, non é o máis enxeñoso nin o mellor desenvolvido, mais é algo que si é: solidario.

Comecemos polo principio. Epidemia The Game é un xoguiño ben simple, onde manexamos a Pitu, un pequeno personaxe de forma fálica. Este amiguiño vai camiñando lateralmente e disparando aos inimigos que veñen de riba. Estes inimigos son virus de varias cores (que simbolizan o VIH), vampiros (que representan outras doenzas de transmisión sexual), xiringas (o contaxio entre drogodependentes), o avión (o contaxio por turismo sexual) e cadeas de ADN (o xenoma do virus). Da outra banda, tamén irás recibindo obxectos que axudan na loita, como o preservativo, a caixa de primeiros auxilios e as pílulas. Como podedes ver, todo moi evocador.



Curiosamente, como Apple ten unha política de apps máis restritiva, a versión do xogo para iOS está un pouco censurada. Así, o protagonista Pitu e substituído por Tupi, un homiño con pinta de domingueiro, e os preservativos por paraugas. Mais que nos vos free isto, polo demais o xogo é exactamente igual.

Si, moi ben, xa entendestes de que vai o xogo, mais que é o que ten de especial? Pois que o obxectivo do xogo é recadar fondos para a Fundació Lluita contra la SIDA, que serán investidos integramente na investigación. Para iso, dunha banda, o prezo de descarga é de 0,99€ (menos do que custa un café!). Da outra banda, conta con compras dentro da app, onde por máis 0,99€ podes conseguir gorras, saias, lentes de sol, tatuaxes, accesorios e algúns power-ups para facilitar o progreso no propio xogo.

O xogo está dispoñíbel para descargar na Google Play Store e na App Store e está traducido ao castelán, catalán e inglés. Nada de galego polo momento.

Web | http://www.epidemiathegame.com
App (Android) | https://play.google.com/store/apps/details?id=com.flsida.vihattack
App (iOS) | https://itunes.apple.com/us/app/epidemia/id934741060

DosisPedia, a app para pediatras

A imaxe roubeilla á xente de Mallando no Android, que teñen un artigo sobre a app ben mellor que este.

DosisPedia é unha aplicación móbil pensada para profesionais da medicina que traballan con nenos. Isto é, é especialmente útil para pediatras, mais tamén é interesante para especialistas en medicina de familia, urxencias, traumatoloxía, ORL...

Entón, para que vale? Pois é moi simple, serve para consultar o fármaco e a dose que debes dar ao doente, personalizándoa en función do peso. (Só iso?) E logo paréceche pouco? Podes aforrar unha chea de tempo cun simple movemento de polgar (ou de índice, se es desas persoas raras que manexa o móbil co dedo índice...). O funcionamento é sinxelo e intuitivo, só tes que abrir a app, escoller o fármaco que desexas (ben procurando por grupos de medicamentos, ben procurando polo nome directamente) e mover a barra do peso para obter a dose adecuada. Eu penso que expliquei ben o seu funcionamento, mais se non che quedou ben claro, acouga, que os desenvolvedores fixeron este video explicativo.



A app foi elaborada pola equipa de Pediatría do Hospital da Costa de Burela, financiada polo Colexio Oficial de Médicos de Lugo, e deseñada e desenvolvida pola start-up galega Smart GalApps. Ou sexa, é totalmente galega, a pesar de estar só dispoñíbel en castelán. Sobre a plataforma, de momento só ten versión para Android, mais están a desenvolver a versión para iOS, que debería estar lista dentro de pouco. E, por se tiñades dúbida, a súa descarga é totalmente de balde.

App (Android) | https://play.google.com/store/apps/details?id=com.smartgalapps.android.medicine...

O libro do peto, un manual de consulta electrónico


Nas batas de todas as médicas e residentes hai unha constante, o manual de medicina. Un "pequeno" libro, que as máis das veces non colle ben no peto, e que co peso fai que a bata escore para un lado. Pois ben, se hoxe en día temos smartphones e tablets que serven como teléfono, cámara, despertador, axenda, calendario, videoconsola... por que non usalos tamén como manual de medicina?

Esta foi a idea que tiveron no hospital de Ourense, e para iso crearon o Libro do peto. Este libro é na realidade o manual Diagnóstico y tratamiento en medicina hospitalaria: Enfoque práctico. nun formato accesíbel grazas ao estudo Ailalelo. Temos así, dunha banda, a versión web en librodopeto.com, que podemos visitar co computador ou co móbil. É unha web simple e intuitiva, moi sinxela de usar. Mais... e se non temos conexión á Internet? Pois nese caso podemos usar a aplicación para Android, coa que podemos gozar offline do manual completo no móbil ou tablet.

Ah! E por se tiñades dúbida, tanto o acceso á web como a app son totalmente de balde.

Web | http://librodopeto.com
App (Android) | https://play.google.com/store/apps/details?id=com.olibrodopeto.app