Como médico aínda sen especialidade, levo tempo empalmando (he, he) traballos como médico xeral facendo recoñecementos en centros psicotécnicos. Porque comer hai que comer. En fin, deixando a miña vida de lado, o caso é que teño vivido neste tempo varias historias curiosas. E xa que teño un blogue, quero compartilas convosco. Para iso vou usar o hashtag #HistoriasPsicotécnicas, e aquelas que ocupen menos de 140 caracteres irán no Twitter (@MIReunhanoites), mentres que as máis longas irán aquí. Entón, sen máis enredar, vai a primeira delas, que dei en chamar O home que xa vía ben.
Estaba eu coa miña compañeira psicóloga na recepción do psicotécnico, no mostrador situado á entrada para, como é obvio, recibir a xente que entra. E entrou un home. E recibímolo. O home en cuestión contounos que tiña no permiso de condución, desde hai 8 anos, a restrición de ter que usar lentes para a miopía. Porén, despois da súa última visita á óptica, xa non as necesitaba. Á vista desta recuperación repentina da capacidade visual, quería como é obvio retirar a restrición de usar lentes do seu permiso. Até aquí, todo ben.
Nun primeiro momento eu e a miña compañeira demos por feito que se sometera a unha cirurxía correctiva. Falou ela, e comezou a contarlle as dúas opcións que tiña nesa situación. A primeira delas, a máis legal... Non deu tempo a explicarlla. Ao ouvir a palabra legal, o home interrompeu instantaneamente para dicir "tampouco son eu moi legal". Comeceime a inquietar, mais a miña compañeira continuou a falar ignorando ese comentario. A máis legal consistía en pasar de novo o recoñecemento psicotécnico e ir persoalmente a tráfico para obter de novo o permiso, pagando as taxas correspondentes, como se fose unha renovación antecipada. A outra, a máis habitual, é simplemente levar un papel certificando que se someteu á operación de corrección da vista, para mostrar se nalgún momento as autoridades competentes llo requiren. Cando entendeu as opcións, o home sacounos do noso erro. Non se sometera a cirurxía ningunha.
Vamos ver, non é imposíbel que unha persoa que necesitaba lentes deixe de necesitalas. Pode ser que no seu momento fixese o recoñecemento coas lentes sen decatarse de que mesmo sen elas tería a visión necesaria. Ou, aínda que é raro, pode ser que no momento do recoñecemento estivese nunha situación de grande estrés e iso lle afectase á visión. Ou que fose obra e graza do Espírito Santo, que se Xesús Cristo devolvía a vista ás persoas cegas, o de corrixir a miopía non lle debe ser tan difícil. Non o sei. O caso é que entón intervín na conversa e lle preguntei se non podía aguantar usando as lentes os dous anos que lle faltaban até renovar o permiso. Porque aínda que a miopía que teña sexa pequena, ver mellor nunca está de máis.
O seu problema neste punto é que quería quitar a restrición para evitar que o multasen por conducir sen lentes. Eu non acababa de entender por que, se conducira con lentes até agora, tiña esta repentina necesidade de conducir sen elas. E entón deume o dato que me faltaba: xa o multaran varias veces por conducir sen lentes. Entón púxenme un pouco suspicaz, e pregunteille sutilmente por que deixara de usar os lentes. A resposta xa a esperaba, mais non por iso me anoxou menos. En ningún momento usara os lentes. Ou sexa, no momento cero, hai 8 anos, en que saíu do psicotécnico co permiso renovado e a obriga de ter que usar lentes, decidiu pasar esa obriga pola zona perineal.
Sempre mantendo o sorriso e as boas maneiras, mostreille o meu malestar polo feito de que non cumprise as normas. A súa xustificación foi que non era el moi de normas, e que tampouco tiña por costume usar o cinto de seguridade. A miña cara nese momento debeu ser moi expresiva, porque a miña compañeira decidiu intervir e tomar conta ela da situación. Tentou buscar unha complicidade artificial facendo comentarios sobre a grande abundancia, talvez excesiva, de controis policiais que hai nas estradas. O home viu nesa busca de complicidade unha oportunidade de tirar beneficio, e durante uns bos minutos esforzouse en convencer a miña compañeira de que lle quitase a restrición de modo rápido e gratuíto. Levoulle varias tentativas, mais ao final fixo entender ao home que ela non tiña a capacidade de facer iso, e que a única maneira posíbel era facer un novo recoñecemento médico e ir a tráfico, pagando todas as taxas correspondentes.
Finalmente, vendo que non ía ser posíbel, o home deuse por vencido e marchou, dicindo que esperaría os dous anos que faltaban até a renovación. Iso si, deixou claro que as lentes non as ía pór de xeito ningún, que se limitaría a tentar evitar os controis de tráfico.
E eu fiquei alí, impotente, cheo de carraxe e frustración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario