ACOE

Facer a ACOE é como responder un exame de algo que nunca che explicaron. Porque si, en teoría durante as nosas prácticas adquirimos os coñecementos prácticos necesarios... en teoría... Mais vamos comezar polo principio, que seguro que moitas non sabedes nin do que estou a falar.

Esta foto resume moi ben como fixen a RCP. A única diferenza é que eu teño barba.

ACOE son as siglas Avaliación Clínica Obxectiva Estruturada. Si, en moitos sitios veredes escrito ECOE, porque esas son as siglas en castelán, mais é exactamente o mesmo. Trátase dunha proba que se fai ao acabar os estudos do grao en Medicina, onde se valoran as habilidades do estudantado para tratar con doentes e realizar as prácticas clínicas básicas (historia cínica, anamnese, exploracións...). Consiste en varias estacións con diferentes casos clínicos, onde hai unha actriz, un manequín ou unhas imaxes que tes que atender, sendo valorado en cada unha diferentes ítens, da relación médico-doente ao diagnóstico e pauta terapéutica.

A ACOE NA USC

Dito isto, vou explicar como foi a proba de hoxe en Santiago. Aínda é a segunda vez que se fai de forma oficial na universidade, non está estandarizado nin realmente moi ben organizado. A iso cómpre sumarlle o feito de que as persoas que nos examinamos eramos estudantes de licenciatura rebotados, e as prácticas que nós fixemos na carreira non estaban orientadas a facer un exame destas características. E como na licenciatura as materias clínicas se reparten entre 4º, 5º e 6º —mentres que no grao se fan nun rotatorio en 6º—, hai cousas que non faciamos desde hai anos. Aínda así, tanto ten, asusta un pouco ao principio, mais despois non é para tanto.

Nós fixémolo nas consultas externas do Hospital Clínico de Santiago, que ás fins de semana está pechado. Había 20 consultas, cada unha sendo unha das estacións, cun papeliño fóra explicando o caso clínico. Para facer cada unha tiñamos 10 minutos, e pola megafonía ían avisando cando faltaban dous minutos para acabar, cando había que saír da consulta e cando había que entrar na seguinte. Cada persoa comezou nunha porta e foi rotando por todas até acabar as 20. Ou sexa, 20 consultas por 10 minutos, 200 minutos, tres horas e vinte minutos. Todo o tema organizativo é sinxelo de entender cando cho explican e non ten máis interese, de modo que vou pasar ao meu caso subxectivo.

A MIÑA ACOE

Como teño esta sorte que me caracteriza, tocoume comezar coa RCP. Entrei na consulta e encontreime un manequín sentado. A examinadora explicoume que era un caso dun doente que perdeu o coñecemento. Comprobei que non reaccionaba e fixen o protocolo de RCP e despois cun DESA. Conforme comecei funme relaxando. Realmente a examinadora foi simpatiquísima, axudoume no que necesitei e non houbo ningún problema. O manequín sobreviviu e poderá volver á casa coa súa muller Nancy e a súa filla Nenuco.

Despois tocou Xine, cunha actriz á que facer a anamnese e un manequín para facerlle a exploración vaxinal. No caso o importante era que lle colocaran un DIU e que tiña leucorrea. Unha infección, vaia. Mais é importante recalcar que o diagnóstico non é o máis importante, é só un punto entre os 20 que valoran en cada estación. O que máis importa é facer ben todas as preguntas na anamnese e as exploracións adecuadas. As seguintes dúas estacións eran de Pedia, un meniño ao que diagnosticar unha enfermidade celíaca. Todo moi claro.

E chegamos a Psiquiatría. Meu Deus, que mal o pasei en Psiquiatría! A residente que actuaba como se fose a doente facíao moi ben. Demasiado ben. Non deixaba de chorar e de falar dos seus fillos, que tiña medo de que ía pasar con eles. O cadro era unha depresión maior, non debería ter moita complicación, mais... tívoa. A min rompeume o corazón. Non estaba mentalmente preparado para unha situación tan real. Afortunadamente, o resto de estacións non foron tan intensas.

As seguintes dúas estacións eran un actor cunha dor torácica opresiva desde 30 minutos antes. Un infarto agudo de miocardio. O carallo foi que nos dixeran explicitamente que non ía haber que interpretar electrocardiogramas, que como moito sería unha proba máis. Porén, non só houbo que ver e interpretar o electro, senón que houbo que responder preguntas concretas sobre el, como calcular o eixo eléctrico do corazón.

As seguintes dúas foron o caso dunha muller obesa cunha hernia umbilical. O problema é que a actriz era de complexión normal, e aínda que di que é obesa non o visualizas no momento da anamnese. E só despois, cando che mostran unha foto, ves a magnitude da obesidade. A seguinte estación, de Raios, foi un pouco absurda. Eran unhas cantas imaxes de ecografía cunhas preguntas tipo test. Ou sexa, de práctica clínica pouco, foi un exame calquera que che poden facer na carreira.

As seguintes dúas eran unha muller nova que di que á mañá notou que vía luces e perdía a visión, tendo despois unha cefalea intensa. O quid está en facer unha exploración neurolóxica correcta. Despois veu o caso dunha muller que ten unha ferida feita cun ferro oxidado, para facer a anamnese a un actor (que era un home, mais interpretaba o papel da muller) e limpar e coser nun manequín. Importante lembrarse da vacina antitetánica. E a seguir veu Derma, outra estación absurda, cunha imaxe e un exame tipo test. Curiosamente, un dos casos que me caíran no exame de Derma que xa fixen e suspendín no seu momento. Clínica pouca, mais en fin...

As dúas seguintes eran unha muller con tose, febre e malestar, para diagnosticar unha pneumonía. Importante facer a auscultación pulmonar e orientar ben as preguntas, pouco máis. E por último, outras dúas estacións onde un actor que non entendía ben o galego (pediume amabelmente que lle falase en castelán) se facía pasar por unha muller con dor abdominal. Era unha apendicite moi clara, mais o importante era descartar que a orixe da dor fose xinecolóxica. O tema é que claro, o ter diante un home despista moito, e era fácil non lembrarte de preguntar pola menstruación e cousas do tipo.

E fin. Ao saír tivemos que esperar para facer unha foto chachi para aparentar o moderna que é Medicina na USC e o moito que mola. Unha vez feito o paripé, marchei sen mirar para atrás. Non sei se me expliquei moito, nin se me expliquei do xeito adecuado, nin se vos será útil para a xente que tendes a ACOE para o ano. Mais esta é a miña historia. A conclusión é: tranquilidade, que todo vai moi fluído e non suspende ninguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario