Día 366: Un ano despois...

No 3 de xullo de 2013 estalou o duelo. Eu era un simple estudante que comezaba segunda volta na academia do MIR con dúas materias pendentes da licenciatura que aprobar en setembro. Ante a perspectiva da dura época que chegaba, decidín crear un blogue onde deixar constancia da miña vida e, quen sabe, servir de axuda a outras persoas que teñan que pasar polo mesmo ca min. E así naceu As MIR e unha noites.

Cando comecei estaba moi seguro de cal era ser o meu futuro. Aprobar Médica 3 e Derma en setembro, presentarme ao MIR en febreiro e á altura de maio deste ano comezar a traballar como residente, a poder ser de Pediatría. Durante o mes de xullo puiden facer algo que levaba toda a vida querendo, ir a un curso para aprender euskara, e foi unha das mellores experiencias que tiven. A finais de agosto tiven que marchar do Burgo das Nacións, lugar onde vivín durante toda a licenciatura. E fun vivir de ermitán ao rural galego, coa idea de preparar alá o MIR a conciencia. Mais as cousas non saen sempre conforme os planos. Chegou setembro e suspendín Derma e Médica 3, o que facía imposíbel que puidese ir ao MIR. Foi un golpe moi duro.

A seguinte opción era decembro, a convocatoria de fin de carreira. Despois de saber as condicións do exame de Médica 3, claramente abusivas e impugnábeis, decidín presentarme só a Derma. A comezos de decembro tiven que abandonar o rural e vivir un tempo como un nómade, sen domicilio estábel. No medio dese vagabundismo presenteime ao exame de Derma, o cal suspendín. En vista da situación, collín a maleta, subín no tren e fun para Irun vivir coa miña avoa. Como Heidi, só que trocando os Alpes polo Jaizkibel.

E alí estiven moitos meses. E pasáronme cousas. E a finais de xaneiro fixen unha visita exprés a Compostela para o parcial de Médica 3. E volvín a Irun. E pasáronme máis cousas. E case sen decatarme chegou xuño, e regresei á Galiza para facer de novo os malditos exames. E aprobei Médica 3 con moi boa nota, mais non podo dicir o mesmo da Derma.

E chegamos a hoxe, 3 de xullo de 2014. Despois de todo este ano, aquí estou, sendo un simple estudante que comeza a segunda volta na academia do MIR e que ten unha materia pendente da licenciatura que aprobar en setembro. Mais tanto ten, porque non vou desistir. Aínda que non teña onde vivir, aínda que suspenda Derma vinte veces máis, aínda que non teña cartos, aínda que As MIR e unha noites se convertan realmente en mil e unha noites, vou conseguilo. Vou ser médico. E contareino neste blogue.

Por último, quero dar as grazas a todas as persoas que acompañan este blogue. Grazas por ler as miñas parvadas. Grazas polos comentarios de ánimo nos malos momentos. Grazas por colaborar escribindo artigos. Grazas por pasarme novas para que publique no Facebook e no Twitter. Grazas por ser como sodes. Grazas por estar aí.

Este son eu, claro. Sería moi raro que puxese a foto doutra persoa, non credes?

Ningún comentario:

Publicar un comentario