Día 3: Ás voltas co MIR

Ben, cando dixen na primeira entrada que ese día comezaba todo... non fun totalmente sincero. Realmente a miña preparación para o exame MIR comezou no outubro pasado, só que non conta. Si, seino, estou a enredar as cousas, mais permitídeme que volo explique.

A preparación do exame MIR divídese en 4 etapas, chamadas "voltas". A primeira volta ten lugar ao mesmo tempo que o último ano da universidade. O traballo durante ese tempo baséase en asistir ás aulas aos sábados, facer algún simulacro de exame, subliñar os manuais e pouco máis. A verdade é que durante ese tempo o importante é sacar adiante as materias da universidade, o do MIR é só un fantasma que te acompaña.

Entón, o que o día 1 deste blogue marca é o inicio da segunda volta. A segunda volta é onde as cousas se complican e hai que estudar de verdade. A metodoloxía agora baséase en estudar durante a semana unha especialidade e asistir no sábado á aula desa especialidade, para completar o estudado e resolver dúbidas. Tamén hai un simulacro de exame case a cada semana, e microrreunións, titorías e cousas do tipo... mais o principal é estudar arreo. Despois virán a terceira e a cuarta voltas, que xa vos contarei de que van cando chegue o momento, alá por novembro.

Durante esta semana a especialidade que estiven a estudar foi Dermatoloxía. Tomeino con bastante calma porque acabo de facer aínda hai uns días o exame de Dermatoloxía da universidade e téñoo fresco. Como xa vos expliquei, mañá teño esta materia na academia, e logo despois un simulacro de exame, co que botarei alá o día todo, da mañá á noitiña.

Outro día xa vos explico de que vai iso dos simulacros. Até entón, saudiña!

Ningún comentario:

Publicar un comentario