A revisión de Derma

O obxectivo desta publicación é ser de información para toda a xente que se presentou ao exame de Dermatoloxía de xuño na USC. Se non é o teu caso podes lelo igual, mais se cadra non che interesa tanto.

A porta principal do Hospital Gil Casares. A persoa da foto é un vendedor de cupóns da Cruz Vermella que andaba por alí.

Onte á tarde chegounos unha mensaxe da temíbel USC.NOTAS. A nota ía seguida da indicación de que a revisión sería hoxe e mañá, ás 13h. O lugar xa era algo máis difuso, e só tiñamos algunha indicación moi vaga de onde podía ser. Se ides ir mañá, sabede que é no Hospital Gil Casares (o que está en fronte do Clínico) na planta baixa, tal e como entras pola porta principal, polo corredor que hai á man esquerda.

No caso particular do día de hoxe, eu cheguei por volta das 12h50, e o sitio estaba ateigado de xente. Estudantes con malas caras e moita rabia contida. Aínda foi chegando máis xente, e a iso das 13h10 comezaron a chamar por orde de lista para anotarnos nunhas listas e distribuírnos entre os varios profesores da materia. Ao ir facer a tal lista e ver tanta xente, unha das profesoras dixo textualmente "Pues yo sólo voy a estar aquí hasta las tres, me da igual toda esta gente". Total, que unha vez feitas as listas comezaron a chamar nunha orde que non me quedou moi clara. Só sei que eu entrei dos primeiros, o cal foi moi inxusto para toda a xente que chegara antes ca min.

Unha vez entrei xa no despacho para a revisión, pensei que vería o meu exame. E non foi así exactamente. Limitáronse a lerme as dúas primeiras preguntas que tiña mal respondidas e, en base a iso, queixarse de que non tiña claros os conceptos básicos. Sen ver realmente onde fallei nin deixarme ver o exame na miña man. Con todo, o curioso vén despois, cando lle comentei un par de detalles, que me argumentaron do seguinte modo:
  • A nota máis alta do exame foi un 8,2. Segundo as profesoras, iso é normal porque o exame resta. Antes había noves e deces porque os últimos anos, no exame de resposta curta, non restaban e repetían sempre as mesmas preguntas. Non importa que lle dixese que noutras materias restan igual e hai noves e deces, elas baséanse na súa experiencia cos exames que facían antes e é así. E aínda ben que volven restar, porque seica era moi inxusto o de non restar.
  • Houbo ao redor de 50% de suspensos. A súa explicación é que outros anos non se presentaba tanta xente, e que este se presentaron moitos "con la materia cogida con pinzas, como tú". Xente que nos aburrimos na casa e vamos ao exame para matar o tempo, supoño. O caso é que, segundo elas, todos os suspensos deste ano equivalían aos non-presentados de anos anteriores, cousa que coas cifras na man non é certa.
  • Aquí vai o meu comentario favorito. Dixéronme que xa probaran a ser xenerosos cos de Boloña, aos que nun exame tipo test semellante ao noso só lles pedían un 5 sen restar (isto é, o 50% das respostas ben sen penalización por cada resposta mal). O resultado dese "experimento" foi que aprobou a práctica totalidade dos presentados "¡y eso no puede ser, es terrible!".

Como este tema ten polémica, no blogue de sexto de Medicina fixeron unha entrada para tentar organizar un pouco as queixas e ver de facer unha reclamación conxunta. Pasade por alí e botade unha ollada.

Xa para acabar, un apuntamento. Aquelas persoas que se presentaron na convocatoria fin de carreira de decembro e nesta convocatoria de xuño, para poder presentarse en setembro teñen que pedir a convocatoria extraordinaria de fin de carreira. A información está na web da USC, mais cunha aclaración. Aínda que o prazo para solicitar a dita convocatoria é do 17 ao 20 de xuño, nós en Medicina, como somos guais e temos un calendario diferente do resto da Universidade, temos outro prazo máis tarde. Deste xeito, o prazo para solicitarmos nós a convocatoria extraordinaria de fin de carreira é todo o mes de xullo. Información oficial que me deron hoxe na UXA, onde fun preguntar esta mañá en persoa.

Dito todo isto... alguén sabe ao final cal foi a resposta que deron por boa na pregunta do período de incubación das lendias dos piollos? Porque non me lembrei de preguntarllo!

Actualización (20/06/2014): Hoxe no blogue de sexto publicaron o que dixo a profesora Peteiro acerca das nosas queixas. Basicamente, nada, que vaiamos a setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario