Quen son?

Boas! O meu nome é Jon Amil, son graduado en Medicina, e este foi o meu blogue. Con isto xa tendes información suficiente sobre min, mais vou falar un pouco máis, porque definirme nunha soa frase dá aparencia como de persoa pouco profunda e nada interesante. E non, non son unha persoa profunda nin interesante, mais iso vós non tendes por que sabelo.

Veredes, eu nacín hai xa bastantes anos, curiosamente nun hospital. A miña nai podía ter dado a luz, non sei, nunha ferraxaría, mais decantouse polo hospital. Dalgún xeito o seu subconsciente sabía cal sería o futuro do seu fillo non-nato... Ou se cadra é que lle viña mellor parir nun ambiente aséptico rodeada de profesionais que nun local cheo de ferralla e ferramentas de bricolaxe. É un misterio que nunca saberemos.

Os anos foron pasando e fun facendo diversas cousas na miña vida, cousas que tampouco é cuestión de contar aquí, que isto é o apartado Quen son? e non o Sálvame Deluxe. O caso é que alá polo lonxincuo verán de 2013 tiven a idea de comezar un blogue para narrar as miñas aventuras e desventuras no estudo do MIR, que dei en chamar As MIR e unha noites. Porén, a vida é dura, e por cousas que pasan non puiden presentarme ao MIR nesa convocatoria. Nin na seguinte.

Mais todo chega e todo pasa, e despois de moito loitar conseguín acabar Medicina de vez e presentarme á convocatoria do MIR 2016. Porén, a sorte non estaba do meu lado. Ou se cadra era a xustiza, quen sabe. O caso é que non dei pasado a nota de corte, co que acabou o que dei en chamar A historia dun fracaso. De aí en diante a vida foime levando por outros camiños e afastoume do MIR, ao que xa non me presentei máis, chegando así o final d'As MIR e unha noites.

Fica este blogue como diario dun tempo pasado. Como unha mensaxe nunha garrafa á deriva polo oceano. Como a testemuña dun pasado que foi e dun futuro que non puido ser.


Vouvos deixar coa intriga de non saber a identidade do atractivo protagonista do vídeo. Só vos direi que, segundo contan por aí, é unha persoa profunda e interesante. E moi guapo.