Día 425: Teño Internet!

Se seguides o blogue desde hai tempo, notaríades que nestes últimos meses actualizo con moita menos frecuencia. Isto por que é? Pois cóntovos...

Esa é antena Crotalus que me dá a conexión, acazapada nun recuncho do portal.

A comezos de xullo mudeime para un apartamentiño en Santiago de Compostela, que pago co soldo que gaño sendo profesor na academia PREMIR. A verdade é que está moi ben, nunha zona tranquila, un chisco lonxe do centro da cidade mais con todos os servizos. Vaia, case todos, porque hai unha cousa que non teño: liña telefónica.

O teléfono fixo, como podedes imaxinar, non che me fai falta ningunha, mais sen liña de teléfono non hai Internet. E unha casa sen Internet é como Doraemon sen o peto máxico. Entón, mentres ía sobrevivindo cos momentos de conexión que podía ter indo ás bibliotecas ou a diversos lugares con wifi aberto, decidín buscar unha solución.

A primeira idea que tiven foi un pincho de Internet móbil. Vaia, a idea non a tiven eu, tívoa a Olalla, mais iso non é relevante. As ideas non teñen copyright. En fin, o caso é que me puxen a mirar o que ofrecían as diversas compañías. Para comezar, todas elas che obrigan a ter unha liña móbil contratada con eles para poder ter unha segunda liña só para Internet, iso se é que che dan unha segunda liña e non che meten todo na mesma liña do móbil. Con permanencias, consumos mínimos e o mega a prezo de barril de petróleo. Iso sumado a que no apartamento non teño cobertura 3G, co cal a velocidade sería irrisoria. Mala opción.

A segunda idea foi falar co meu veciño. No piso de riba hai outro alugado coma min, de máis ou menos a miña idade, e propúxenlle contratar Internet entre os dous. El si ten a instalación do teléfono fixo, aínda que non liña, polo que aforraría a instalación que me terían que facer a min. Ou iso pensaba eu, porque os peseteiros das compañías cóbranche o mesmo por darche liña que por virche furar as paredes e meter cable. Todo conta como "instalación". O caso é que todas as compañías che pedían unha permanencia de un ano, e eu cando acabe o MIR lisco de aquí. Algunhas anunciaban "ADSL sen permanencia" en grandes e amigábeis letras, mais na letra pequena obrigábanche a contratar con eles unha liña de móbil, cunha tarifa abusiva e unha permanencia nela de 18 meses. A única opción era Pepephone, que non tiña permanencia de verdade, e ao dar só Internet e non che cobran cota de liña, co que sae en 25 euros ao mes. O problema? 91 euros de alta de liña, 37 euros de router wifi e 20 euros de baixa de liña ao marchar. Deste modo, tanto eu como o veciño nos botamos atrás.

Mais, afortunadamente, o outro día rompeume a billa da cociña. Vaia, a fortuna non é que me rompese, que foi unha foda bastante grande, senón que cando veu o fontaneiro estiven a falar coa caseira. Resulta que o fillo da caseira vive na primeira planta do meu edificio, ten wifi, e non lle importa que me conecte a el. O ceo abriuse ante min. Lamentabelmente, o sinal do wifi non chega ao meu apartamento, de modo que fun a unha tenda de informática para ver as posibilidades. Despois de explicarlle varias veces ao dependente que tiña o permiso do veciño para conectarme ao ser wifi, cousa da que non quedou moi convencido, chegou á conclusión de que me faría falta un trebello potente. Unha antena Crotalus de 14 db. Un portento da enxeñaría informática. Moi amábel, díxome que o probase e que se non me valía fose de novo, que podía devolvelo sen problema e axudábame a buscar outras solucións.

Xa agora, aproveito para recomendarvos a tenda Área Informática, no C.C. Área Central, que foi onde me asesoraron. Boa xente e moi eficiente. Se necesitades calquera cousa da área da informática, ide alá.

E cheguei á casa, e fixen probas, e puxen a antena na xanela, no teito, na ducha e en todos os recunchos da casa, mais a conexión chegaba moi fraca e saltábame. Entón dei un golpe na mesa, levei a antena ao portal (nun recantiño onde non molesta), botei cable até o meu apartamente (grazas a un pequeno desnivel, colle ben por baixo da porta) e fixen a proba final. E sabedes o que? Funciona que dá xeito velo.

Aí podedes ver como baixa o cable a carón das escadas,
até chegar á miña porta.

Entón, o resumo é que volvo ter Internet, co que poderei ter o blogue máis controlado e actualizar máis a miúdo. Iso si, a calidade das publicacións será a mesma. Máis non significa mellor. Síntoo. ;)

Ningún comentario:

Publicar un comentario