«A miña muller é unha enfermeira. A miña muller é unha heroína.»


Rayena Wesson é unha enfermeira de traumatoloxía no hospital de Birmingham, Alabama. Traballa duro, como calquera enfermeira, con quendas de até 14 horas. Hai uns días o seu home, Bobby Wesson, tiroulle unha foto e dedicoulle este bonito estado do Facebook, que axiña se tornou en viral, con máis de 800.000 gústames e 40.000 comentarios. E como nunca está de máis recoñecer o labor do persoal de enfermaría, aquí volo traio, traducido ao galego.



«Esta é a miña muller botando unha soneca. Nunha hora despertará, porá o uniforme e prepararase para o traballo.

Reunirá e revisará meticulosamente todas as ferramentas e obxectos que necesita para o seu labor. Amañará o cabelo e maquillarase nun momento. Queixarase de que está fea. Eu, empaticamente, direille que non e traereille unha cunca de café.

Sentará no sofá coas pernas cruzadas debaixo dela e tentará bebelo mentres xoga alegremente co meniño que agatuña sobre ela.

De cando en vez porá a vista en branco mentres falamos, preparándose silenciosamente para a súa quenda. Ela pensa que non me decato.

Bicará o bebé, bicarame a min e irá coidar da xente que está a ter o peor día da súa vida. Accidentes de tráfico, feridas de bala, explosións, queimaduras e ósos rotos. Profesionais, pobres, curas, drogadictos e prostitutas. Nais, pais, fillos, fillas e familias. Tanto ten quen sexas ou o que che acontecese.

Ela coidará de ti.

Voltará para a casa 14 horas máis tarde. Quitará os zapatos dos seus pés doridos, uns zapatos que andaron sobre sangue, bile, lágrimas e lume, e poraos fóra.

Ás veces non quererá falar do tema. Ás veces non poderá agardar para falar do tema. Ás veces rirá até chorar, e ás veces simplemente chorará. Mais a pesar destes veces, estará lista e a tempo para a súa próxima quenda.

A miña muller é unha enfermeira. A miña muller é unha heroína.»

Ligazón orixinal | www.facebook.com/photo.php?fbid=533702656795676&set=a.110313722467907.21407.100004678384282

Ningún comentario:

Publicar un comentario