Alberto FM: «Consellos para novatos»


Este artigo é unha colaboración de Alberto FM. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.


Esta é unha imaxe do Mapa do abesullón de Harry Potter. Si, en galego chámase así. A min non me miredes, non traducín eu os libros.

Aquí vos deixo os meus consellos para a xente que comezades esta a carreira. Son 7, como as bólas máxicas.

Que a emoción dos primeiros días de carreira non vos engane, a facultade de Medicina da USC non é Hogwarts

Aínda que, igual que a célebre escola de magos, ten innumerábeis corredores, masmorras, profesores “peculiares” e din que mesmo algunha que outra pantasma; a realidade é que se trata máis ben dun edificio antigo parcheado durante anos e no que poucas cousas funcionan axeitadamente. Non hai un “Mapa do abesullón” que poida axudar a orientarte nos primeiros días, pero sen dúbida os servizais bedeis poderán axudarche a non te perder.

Hai dous lugares clave que non debes deixar de visitar: a cafetaría e o baño de defecar. Pasando por alto a biblioteca, que será a segunda casa de moitos de vós durante anos, a cafetaría é un bo lugar para despexarse, nutrirse e escoitar os sabios consellos do tío Luís. Visitádea de cando en cando, será bo para a vosa saúde mental. Ademais, outro lugar con encanto que non todo o mundo coñece son os servizos da entreplanta. Ó final dun lúgubre corredor cheo de reliquias da medicina (non falamos de profesores, senón de aparellos e instrumental médico antigo) que pode chegar a amedrentar a máis dunha persoa, hai uns servizos pouco concorridos ideais para facer aquelas actividades íntimas que non queres que escoiten os demais. Visitádeos con asiduidade, será bo para a vosa saúde intestinal.

*Outros usos destes servizos derivados deste consello non son responsabilidade de As MIR e unha noites

Non todo vai ser estudar, pero non deixes para mañá o que poidas facer hoxe

Os apuntamentos de Alonso non se pasan sós, e acumúlanse á mesma velocidade que ela os dita. Existen en diversas copistarías da cidade compilacións de apuntamentos que che poden ser de axuda, pero moito ollo, porque ás veces (en contadas ocasións, sinceramente) os profesores actualizan pequenos detalles. Ademais, estes apuntamentos son un complemento para aforrar tempo, pero non debes basear todo o teu estudo neles, sempre está ben pasarse polas aulas a comprobar a súa veracidade.

Todo está nos libros, pero non todos os libros collen na cabeza dun estudante

Un recurso de moitos profesores é remitirse a certos libros de cabeceira coma se dun mantra se tratase. Os libros científicos son moi útiles para consultar dúbidas, mellorar apuntamentos incompletos ou entender temas complexos pero, salvo contadas ocasións, non son o máterial máis axeitado para o estudo pois non están pensados para eso. Por tanto, non merece a pena que baleiredes os petos mercando todos os libros que vos recomenden, recorrede todo o posíbel á biblioteca. E non vos pasedes completando apuntamentos con material extra, é pouco rendíbel de cara ós exames.

Se para ler un exame antigo necesitas recorrer á pedra roseta, non merece a pena

Os míticos tochos de exames que logo chegarán ás túas mans, aínda que che coste aceptalo, si, son útiles, especialmente nalgunhas materias con profesores pouco dados á orixinalidade nos exames. Pero canto máis antigo sexa un exame menos útil é, se o que contén fose tan importante estaría repetido en exames posteriores. Porque, aínda que na carreira poda parecer que todo é importante, se algo é fundamental cando te enfrontas a semellante cantidade de contidos é seleccionar e priorizar.

Todo o mundo se agobia algunha vez, non te preocupes

Comezar calquera carreira universitaria pode ser duro, e Medicina non é a excepción, por moito que ó comezo de curso moitos profesores se afanen en dicirvos que sodes a elite e que podedes con todo. Quen diga que nunca tivo sequera un leve momento de presión, simplemente mente. E decenas de estudantes pensan cada día en deixar a carreira. É normal. De todos os xeitos, coma nos contos de princesas, no punto máis alto da facultade, subindo por unha estreita escaleira ó fondo do corredor do decanato, hai dúas mulleres encantandas de escoitarte e botarche un psicocable se o precisas.

O tempo pasa voando, queiras ou non

É algo así como un paradoxo temportal dunha película de ficción científica: Comezas a estudar e non che dan pasado as horas, pero canto máis se achegan os exames máis se acelera o tempo. E finalmente ocorre o mesmo que cando estás de vacacións, sempre agradecerás uns días (ou semanas) máis. En nada seredes vós os que esteades a preparar o MIR, pero non vos fagades ilusións, non todos poderedes ter un blog tan molón coma o do Jon. ;-)


Se che gustou este artigo, dá unha ollada tamén a Consellos á xente que comeza Medicina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario