SERGAS, magóasme nos ollos (II)

Visto o bo acollemento que tivo a primeira parte do SERGAS, magóasme nos ollos (preme aquí para vela) e a xente que quixo colaborar, era obrigado facer unha segunda parte. Quero lembrar que non se trata de ridiculizar nin de facer pouco da xente, senón de denunciar unha actitude de desleixo para a nosa lingua por parte dun dos sectores máis vitais para a súa normalización.

Entón, comezamos.

Impreso do SERGAS (Fonte: @chio_en_galego)

Ese erro constante nos impresos do SERGAS. Ese hiperenxebrismo perenne que manca na vista cada vez que o ves. Todo o mundo o ve, non si? É bastante obvio. Entón, podédesme explicar como en 25 anos que ten o Servizo Galego de Saúde ninguén foi capaz de corrixilo!? Si, estou a falar dese sa, que ás veces aparece como ou saa. En galego dise sala, con l intervocálico. O único sa que existe é o feminino de san, antónimo de doente.

Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol (Fonte: Feísmo lingüístico)

Esta folla é unha oda ao galego mal escrito. Para comezar non ten acentos, nin un só. Antes de que ninguén o diga, xa o aclaro eu: Si, en galego o signo (´) chámase acento, o til é o signo (~) que se pon enriba do ñ ou das vogais nasais (ã, õ). E si, as letras maiúsculas tamén se acentúan. Sempre. Non é opcional.

Aclarado o tema ortográfico, encontramos 4 castelanismos:

  1. Padre en galego é un cura. Dubido moito que un aviso sobre fillos neonatos vaia dirixido aos sacerdotes, de modo que é seguro afirmar que se refiren a pais e nais (ou mais, que tamén é correcto). Si, xa sei, diredes que na definición de padre da RAG admiten que é sinónimo de pai, mais é un arcaísmo, e isto é un aviso do SERGAS e non unha cantiga de amigo.
  2. Inscripción, que aparece dúas veces no texto, é un castelanismo. En galego sempre foi inscrición. Si, na vella normativa, antes da reforma de 2003, tamén era inscrición.
  3. Recén é unha palabra incorrecta. Existe no portugués, mais non na normativa da RAG para o galego. De maneira xeral pódese substituír por outras construcións (*recén feito -> feito recentemente, acabado de facer...), mais no caso particular de *recén nacido diremos, simplemente, neonato.
  4. Aportar é chegar ao porto. Neste caso a palabra correcta é achegar (se ben a RAG acepta aportar como forma non recomendada).

E habería algunha discusión máis sobre certos xiros da linguaxe, mais tampouco me vou meter nun aperto que non son filólogo e non quero saír escaldado.

Complexo Hospitalario de Ourense (Fonte: As MIR e unha noites)

E para acabar por hoxe temos esta foto. En primeiro lugar, turno é un castelanismo. En galego o correcto é dicir quenda ou vez. E en segundo lugar, polo amor de Rosalía, que raio é iso de dirísaxe!?

Isto é todo. Continuade a enviar fotos por correo-e a contacto@asmireunhanoites.com ou polo Twitter mencionando @MIReunhanoites. Haberá terceira parte, prométoo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario