Ébola en Galiza: Equipamentos de protección

Quen podía imaxinar que traer o ébola a Europa ía traer o ébola a Europa?, preguntábase o outro día un tuiteiro. Pois así foi. En agosto, as autoridades españolas levaron ao Hospital Carlos III de Madrid o padre Miguel Pajares, infectado de ébola en Liberia. Ao pouco tempo, faleceu. En setembro, volveron levar outro relixioso ao mesmo hospital, desta vez o padre Manuel García Viejo, quen se contaxiou do virus en Serra Leoa. Tamén faleceu. Lamentabelmente, unha das auxiliares de enfermaría que atendeu este segundo relixioso contaxiouse. O primeiro contaxio de ébola fóra de África. Pánico.

Mais Madrid fica moi lonxe, e como dicían os anuncios do Gadis, malo será!. Só que... e se é malo? E se chega o ébola ao noso país? Estamos preparados? Vamos botar unha ollada aos equipamentos que a Xunta está a repartir estes días nalgúns centros e hospitais galegos. As fotos que ides ver a seguir son totalmente reais, mais non vou dar demasiados datos para garantir o anonimato das persoas que mas mandaron.

Estas fotos son dun centro de saúde de Pontevedra:


E esta é do Hospital Universitario de Ourense:


Non sei se coñecedes o equipamento normal que se usa no quirófano, co que se trata a todo o mundo. Pois ben, as diferenzas entre ese material común e estes equipamentos especiais de protección contra o ébola son ínfimos. É dicir, que a protección que poden ofrecer é, cando menos, cuestionábel.

E se tendes dúbidas sobre a súa cualidade, vaiamos a Vigo, onde se encontra o hospital de referencia para o ébola en Galiza, o Hospital Meixoeiro (o cal resulta que ten pingueiras). Nesa cidade, os traballadores da UCI do Hospital Xeral gravaron este vídeo para Faro de Vigo, demostrando que os traxes son permeábeis. É dicir, que os fluídos traspasan. E como se contaxia o ébola? Exacto, a través de fluídos corporais.





Actualización (11/10/2014)

Chegan de Ferrol, onde se acaba o mar, as seguintes fotos. Á esquerda, o kit de adestramento, para practicar. Á dereita, o kit de verdade, para ser usado nun caso real de ébola.


Mais ao persoal do hospital soáballe familiar o kit... e é que resulta que o equipamento de protección contra o ébola é o mesmo que o que repartiran para a gripe A. Vese que ao Sergas lle deberon sobrar uns cantos daquela, e non ían quedar aí.

Agora, vamos ver máis de perto que é o que inclúe o kit de protección:


Ignorando o pésimo galego en que está escrito (mascarilla dise máscara, e gafas dise lentes, anteollos ou óculos) podemos observar que o kit inclúe unha bata impermeábel. Impermeábel de carallo, como xa vimos no vídeo.

Mais o irónico da situación é que os propios kits de adestramento xa viñan mollados cando llos repartiron! Aquí tendes a foto dunha das calzas, molladiña e perfectamente permeábel. Porque se no papel di que as calzas son plásticas, serán, mais eu teño limpado o morro con gardanapos de papel moito menos absorbentes.




Actualización (12/10/2014)

No Twitter, @lagartoosol achéganos o estudo "Estudios de absorción en material de uso quirúrgico" (báixao aquí en .pdf), realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela. O dito estudo indica que as luvas de nitrilo non deben ser usadas en infeccións virais, xa que os virus poden atravesar o material. E, como vimos nas fotos de Ferrol, no kit indican claramente o uso de luvas de nitrilo.

A imaxe foi tirada do Twitter de @lagartoosol.

Nota: As fotografías, como calquera contido orixinal d'As MIR e unha noites, son publicadas baixo unha licenza Creative Commons BY-NC-ND 3.0. Isto é, podes publicalas e difundilas canto queiras (e eu anímote a que o fagas!), sempre que nomees este blogue como fonte, non as modifiques e non teñas afán de lucro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario