Faleceu o Dr. Navarrina, o noso profesor de Anatomía

Foto de Fernando Blanco, publicada no xornal El Correo Gallego.

Corría o ano 2006 e nós eramos só uns pimpíns que daban os seus primeiros pasos na facultade. E entón chegou el, coa súa sempiterna cadeira de rodas, para contarnos a historia do león que quería estudar Medicina.

«Imaginad que ahora entra por la puerta un león. Todos ustedes correrían asustados hacia el fondo de la clase. Imaginad entonces que el león hablase y dijese:

—Yo venía a estudiar Medicina
—¿Pero usted tiene el bachillerato?
—Pues la verdad es que no...
—Entonces lo siento, pero usted no puede estar aquí.

En ese momento el león se iría disgustado, y todos ustedes se relajarían y volverían a sus sitios.»

Ese é o primeiro recordo que teño eu, pero sen dúbida non é o único. Tamén lembro como se fose hoxe cando contou aquilo de «En un exámen de Medicina, se presentó un hombre que tenía dos metros de espalda. El profesor le dijo: "Mire, le doy Matrícula de Honor si me dice qué pasa por el agujero magno", a lo que él respondió: "El bolo alimentício"».

Máis tarde, cando metín os fociños na representación estudantil alá nos tempos da ALEM, puiden velo intervir nunha Xunta de Facultade. Logo dunha inxustiza cometida polo decano, quen ignoraba as queixas do estudantado como quen ouve chover, o profesor Navarrina pediu a palabra para espetarlle «No sé si está familiarizado con la anatomía del sistema nervioso, pero sepa usted que para ser decano es necesario tener mesencéfalo, diencéfalo y telencéfalo».

Lamentabelmente hoxe despertamos coa nova do seu falecemento. Mais alguén dixo unha vez que as grandes persoas non morren, e sen dúbida vivirá por moitos anos na memoria dos millares de estudantes que pasaron polas súas aulas. Eu, cada vez que escoite alguén falar dun temporal, non poderei evitar esbozar un sorriso e lembrar o profesor Navarrina a dicir «Los estudiantes de Medicina, como los marineros, temen al temporal por el peñasco».

D. E. P.

Ningún comentario:

Publicar un comentario