5 motivos polos cales vas sacar boa nota no MIR

O estudo a tempo completo do MIR comezou hai pouco, e é probábel que sintas desánimo. Tes a sensación de que non sabes nada, as preguntas do simulacro sóanche a chinés, a materia que tes que estudar parece desmesurada e pensas que non vas dar metido todo na cachola a tempo. Mais sabes o que? Iso non son máis que merdas. Vas facer un bo MIR, claro que o vas facer, e vouche explicar aquí por que é que o sei.

1. Porque deches aprobado exames máis complicados


Fai memoria. Tiveches que aprobar a selectividade cunha das notas máis altas para poder entrar. 3 días de exames de cousas totalmente diferente, do neotrobadorismo na literatura galega á configuración electrónica dos átomos. Despois xa na facultade tiveches o exame catro en un de Anatomía I, do cal había que aprobar todas as partes por separado con 70%. O exame de Biofísica co avance da reacción, o diagrama de Davenport, as paredes adiabáticas e a P e T constantes. O exame de Anato II no cal podían ser correctas unha, varias ou ningunha das opcións. As preguntas de Cardioloxía que tiñas que ler dez veces só para asegurarte de que non estaban escritas en arameo altomedieval. E non me fagades falar da Derma, por favor...

2. Porque xa tes estudado máis en peores condicións


Nesta época tes que estudar unhas 8 horas ao día. É duro, moi duro, mais pensa naqueles días interminábeis estudando a contrarreloxo sen tempo para nada máis. Pensa nesas longas noites de café e biblioteca, nos veráns estudando para setembro, en todas aquelas veces que te encerraches para chapar un maldito exame. Aquilo si que era duro, angustiante e estresante. E, a pesar de todo, aquí estás.

3. Porque outra xente o fixo antes, e non eran mellores ca ti


Dá unha ollada á sección de historias do MIR deste blogue. Toda a xente que aí vos fala é xente coma ti. Non tiñan máis intelixencia, nin máis habilidade, nin máis nada, só a mesma inseguranza e desánimo que tes agora mesmo. E, a pesar diso, conseguírono, e agora teñen unha boa praza na cal están felices.

4. Porque estás a un paso de cumprir os teus soños


Despois de toda a vida a estudar e esforzarte, por fin podes ver a meta no final do camiño. A praza que queres, a especialidade que queres, a oportunidade de ser a persoa que sempre quixeches ser. Todo está aí, a 6 meses de ti. O máis complicado xa pasou, todos os exames, todos os problemas que che ían aparecendo, todas as dúbidas sobre se serías capaz, todo iso quedou atrás. Só 235 preguntas te separan do teu futuro. Vas desistir agora?

5. Porque sabes que podes


Porque o apoio da túa familia, dos teus amigos ou da xente en xeral sempre é benvido, mais o que pensen realmente non importa. O que importa é o que pensas tu. E aínda que non teñas ánimos nin motivación, no fondo sabes que podes. Claro que o sabes. Porque te coñeces. Porque sabes que se te propós algo sempre o consegues. Porque sabes que ninguén máis ca ti merece esa praza. Porque sabes que, despois do longo inverno, sempre chega o sol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario