Persoas con daltonismo ven as cores por vez primeira


O vídeo está en inglés, mais ten lexendas en portugués e castelán.

A discromatopsia ou cegueira ás cores é unha perturbación da percepción visual que impide percibir ou distinguir certas cores. O máis común é que esta perturbación teña orixe nunha alteración xenética do cromosoma X, que é o que coñecemos como daltonismo. Non vou entrar agora en temas de xenética, mais sabede que ten un padrón de herdanza recesiva ligada ao cromosoma X, o que fai que sexa máis común en homes.

Para poder ver, existen na retina dous tipos de fotorreceptores, os bastonetes e os conos. Os bastonetes son os encargados da visión con pouca luz, e só permiten distinguir as cores branca, negra e os tons de gris. Os conos funcionan en ambientes iluminados, e son os que fan posíbel a recepción das cores. Existen 3 tipos de conos, uns especialmente sensíbeis á luz vermella, outros á luz verde e outros á luz azul. E coas combinacións destas tres cores podemos chegar a percibir uns 20 millóns de cores distintas.

As persoas que sofren daltonismo teñen unha alteración nos xenes encargados de producir os pigmentos que levan os conos, polo que os conos afectados non percibirán ben a cor correspondente. Así, dependendo de se están afectados os conos vermellos, os verdes, os azuis, dous tipos deles ou todos os tres tipos, teremos varios tipos de daltonismo.

Explicado isto, vamos ao vídeo. O vídeo é bastante sentimentalista, porque non deixa de ser unha campaña de márketing, mais o que di é certo. Vaia, certo con matices. A empresa EnChroma desenvolveu unhas lentes, que fai que as persoas daltónicas poidan percibir as cores como o resto da xente. Mais ollo, o matiz é que só funciona nun tipo específico de daltonismo, nas tricromáticas anómalas, e destas só na deuteranomalía. É dicir, aquelas persoas que teñen tres tipos de conos diferentes, mais con defectos nos receptores para a cor verde, o que dá problemas á hora de distinguir as cores verde e vermella. Este tipo de daltonismo supón os 80% dos casos, mais hai un 20% de tricromáticas anómalas doutro tipo, dicromáticas, monocromáticas ou acromáticas para quen estes lentes non serven.

E como funciona? Pois usando filtros de corte, de modo semellante a como fan os lentes de sol. Estes filtros absorben a luz dunha determinada lonxitude de onda, tipicamente infravermella e ultravioleta nos lentes de sol, de maneira que este tipo de luz non chegue aos ollos. No caso dos lentes para persoas daltónicas, son filtros de corte múltipla, que frean un ou varios intervalos de lonxitudes de onda na zona do espectro visíbel onde se dá a confusión das cores. Isto forza a que esas lonxitudes sexan interpretadas só polos conos verdes ou vermellos, facendo que a persoa poida distinguir ambas as cores e ver o que antes non podía.

Entón, se tes xusto o tipo de daltonismo axeitado e un mínimo de 350$, podes comprar un par de lentes na web de EnChroma. De todos os xeitos, antes de comprar nada, infórmate ben de todo o que pon na web e consúltao coa túa oftalmóloga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario