Macarrones con tomate

Hai uns días, cando publiquei o vídeo O que NON facer en caso de desmaio, xa o mencionei de pasaxe. Mais hoxe voulle dedicar unha publicación enteira no blogue.

Comecemos polo principio. Eu teño amigos. Xa sei, agora mesmo estaredes berrando á pantalla do computador Non pode ser! Como pode o Jon ter amigos? Pídovos que confiedes na miña palabra, é verdade. E algúns deses amigos son de Irun, porque miña nai é de alá e vou por aquelas terras de cando en vez. Pois ben, este Nadal, eses amigos e eu tivemos unha idea revolucionaria, algo que nunca ninguén pensara antes ca nós: facer vídeos para o Youtube!

O nome do noso colectivo tiñámolo fácil, Macarrones con tomate. Por que Macarrones con tomate? Porque é algo que sempre apetece. É a comida que, cando todas as demais comidas fallan, sempre está aí. Algo que entra fácil. Algo simple e efectivo. E iso é o que queremos que sexan os nosos vídeos.

Entón, preséntovos a seguir o primeiro vídeo oficial do canal, a inauguración, a premiere, a estrea, que leva por título Próxima parada: Irun.



Si, no vídeo falo a escura lingua de Castela, mais é que como dixen antes os meus amigos son todos de Irun, e teñen o estraño costume de non saberen galego. Mais non vos preocupedes, se os enredei para gravar O que non facer en caso de desmaio, pódoo facer de novo. E, xa que son vascos, se cadra tamén vai algún vídeo en euskara. Quen sabe?

Se vos gustou este vídeo, déixovos aquí as ligazóns para que sigades a pista a este proxecto. Cando menos o pensedes haberá vídeos novos.

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCb04tRKZlpEjK5RolM3czIA
Facebook: https://www.facebook.com/tomatemacarron
Twitter: https://twitter.com/tomatemacarron
Google+: https://plus.google.com/106494158171071173491

Ningún comentario:

Publicar un comentario