Diario de prácticas (II): Cousas que aprendín nas prácticas

Despois da primeira parte do Diario de prácticas, era obrigado facer unha segunda. Desta vez vai unha colectánea de cousas que aprendín ao longo das prácticas, tal e como as fun narrando polo Twitter no seu día.

  • Primo Gumersindo é un nome totalmente válido para un doente e non implica necesariamente parentesco co médico que o atende.
  • É perfectamente coherente que unha muller se apelide Hombre.
  • Para diferenciar o aceiro inoxidábel bo do ruín hai que achegarlle un imán. Canto maior sexa a atracción do imán, maior é a porcentaxe de ferro na composición e mellor é a calidade.
  • A pesar de que digas que te fías, hai secretarias de avanzada idade que teiman en demostrar a súa flexibilidade facendo ante ti unha exhibición de exercicios ximnásticos.
  • Nunha explotación leiteira sae moito máis en conta cultivar a forraxe que comprar penso.
  • Ser de Lalín é un factor de risco pulmonar. Desde que hai autoestrada a Santiago, os médicos de alá mandan xente ao CHUS aínda que estea perfectamente sa.
  • No caso de contaminación nun quirófano, o procedemento estándar consiste en correr en círculos mentres gritas ¡Estoy contaminado! ¡Joder! ¡Estoy contaminado!. Vaia, non confirmei se o procedemento está descrito nos protocolos, pero é o que vin facer a un adxunto.
  • «No es lo mismo un barco chino que un bar cochino.»
  • A palabra Idiopático vén do grego idio-, que significa non o sei, e -pático, que significa quen me dera sabelo.
  • Se te vas meter en pelexas, é mellor quitar antes as moas do xuízo. O motivo é que as persoas con moas do xuízo teñen a mandíbula máis fráxil nesa zona e pode quebrar máis facilmente dun golpe.

Isto, ao que a miña avoa chamaría escumadeira, para os
oftalmólogos é un estenopeico.

Especial: O dia en que máis cousas aprendín de todas as prácticas

Todas as seguintes curiosidades que vou pór a seguir aprendinas no mesmo día, co mesmo médico, nos momentos mortos da consulta cando algún doente chegaba tarde.

  • O Delta do Okavango é o único caso en que un río desemboca na terra e non nunha masa de auga.
  • O diabo espiñoso (Moloch horridus) é lagarto australiano que capta auga nas espiñas do corpo e transpórtaas a través da pel até a boca para beber.
  • Existen os volcáns de lama. Os máis importantes do mundo localízanse no Acerbaixán.
  • O maior ser vivo do mundo é o fungo Armillaria solidipes. Existe un exemplar americano que ocupa unha extensión de 8,9 km².
  • O mellor cazador do mundo animal é o mabeco ou licaón (Lycaon Pictus), cunha porcentaxe de éxito entre 70% e 89%.
  • Deneb é a estrela mais brillante da constelación do Cisne, e tamén pode ser nome muller.

Ningún comentario:

Publicar un comentario