Día 42: 5 frases típicas que escoita un estudante de Medicina

Ter coñecementos de Medicina e poder axudar á xente no día a día é gratificante. Pero cando es un simple estudante debes ter moito coidado coas trampas que che irán pondo os teus achegados e coñecidos. Aquí tendes 5 frases típicas que teño escoitado veces e veces ao longo dos meus anos de universidade.

— Tu, que estudas Medicina, debías sabelo

Tipicamente dita con ton de reproche por unha persoa moito maior ca ti, como un tío ou unha avoa. A frase vén precedida dunha afirmación acientífica e ilóxica, e canto máis ilóxica sexa maior será o ton de reproche. Por exemplo: "O mellor que hai para a dor de cabeza é mastigar unha cebola crua. E tu, que estudas Medicina, debías sabelo". Ante estas situacións tentar razoar non ten ningún efecto, o mellor é asentir lixeiramente e mudar de tema.

— Mírame aquí que é o que teño

A frase é pronunciada ao mesmo tempo que a persoa che mostra algunha parte pouco agradábel da súa anatomía, para non darche tempo a reaccionar. Tipicamente tratarase dun xoanete, unha uña do pé encarnada supurando ou unha pequena vesícula situada perigosamente perto da zona ano-xenital. Neste caso é importante manter en todo o momento cara de póquer para evitar comentarios do tipo "Dáche noxo? Pois vaia médico estás tu feito!".

— Estou tomando [nome de medicamento], pasa algo se bebo?

Frase típica de amigo de estudante de Medicina que está a tratamento. Neste caso a resposta é indiferente, tanto ten que lle digas "Non, se bebes morrerás lenta e dolorosamente despois dunha longa agonía" ou "Isto é o gorrocóptero!", o resultado vai ser o mesmo. Cando chegue o momento de beber, ese teu amigo dirá "Bah, por tomarlle unha non vai pasar nada" e acabará bebendo até a auga da fonte das Praterías, moedas incluídas.

— Pois non tiñas razón, fun ao médico e díxome que o que tiña era [nome de doenza]

Haberá ocasións en que un amigo ou familiar insista en contarche que lle doe algo para que o diagnostiques. Pero coidado, é unha trampa! Só o fai para poder ir despois ao médico e botarche na cara o pouco que sabes, xa que o que realmente tiña era outra cousa. Tanto ten que a culpa fose del, que che ocultase información ou que che contase síntomas inventados, es un mal estudante que non o soubo diagnosticar. E mesmo se acertas no diagnóstico dirache que non tiñas razón, porque tu lle dixeras que tiña amigdalite e o médico dixo que eran placas na garganta.

— Mira, ese é o lago onde se bañou Jon e colleu sarna

E se tes amigos chistosos, como é o meu caso, inventarán lendas urbanas sobre ti que todo o mundo dará por certas. Porque non, eu nunca me bañei no lago dos patos do Auditorio de Galiza. E a sarna é causada por un ácaro que se contaxia por contacto directo entre persoas, non por bañarse nun lago insalubre. Mais tanto ten que llo explique unha e outra vez, porque no momento en que pasen por diante do lago con algunha persoa que non me coñeza dirán "Sabes? Nese lago bañouse o meu amigo Jon e colleu sarna".

Ningún comentario:

Publicar un comentario