Día 27: Patinaxe

Quen lea o meu blogue de cando en vez debe pensar que non estudo nada, que só me dedico a quedar con amizades e contar chistes malos. E non é así, estudo durante todo o día, duramente. Mais isto é un blogue, ten que tentar ser un pouco divertido, non unha sucesión de entradas do tipo:

Día 8724: Hoxe erguinme cedo. Tomei unha ducha. Almorcei. Estudei. Fixen un breve descanso para ir mexar. Continuei a estudar. Preparei o xantar. Comín. Tomei a sobremesa...

Pois ben, explicado isto, cóntovos. No día de hoxe comecei co estudo de Infecciosas, unha das materias máis importantes, e por tanto menos interesantes, do exame MIR. Hei de dicir que a primeira vez que o estudei na universidade pareceume que o mundo das bacterias era abraiante, mais mudei radicalmente de opinión no momento en que me dixeron que os diplococcus non eran o mesmo que os diplodocus... Co xenial que sería ter dinosauros microscópicos dentro do corpo!

Xa coa lección estudada e o meu deber académico diario cumprido, fun tomarlle unha coa miña amiga Laura, asidua comentarista deste blogue. Para quen non a coñeza, a rapariga en cuestión é xogadora de hóckey sobre patíns. E para quen non me coñeza, o máis perto de patinar que fixen eu na vida foi subir ao carriño da compra cando era pequeno.

Nota: Sobre este tema quixera facer un inciso. O nome 'hóckey sobre patíns' está fatalmente posto, porque no hóckey sobre xeo tamén van patíns. Debía chamarse 'hóckey sobre rodas', e así tamén daría xogo aos comentaristas: —Como vai o partido de hóckey? —Sobre rodas!

En canto estabamos na cafetaría, saíu na conversa o tema dos patíns. Entón, inocente de min, ocorreume a idea tola de proporlle que me ensinase a patinar. E alá fomos. Só direi que os patíns son un invento do demo para subxugar a humanidade. En primeiro lugar, nada máis pór os patíns, é imposíbel manter unha posición erguida normal. En vez diso, o teu corpo adquire unha postura semellante á de Chiquito de la Calzada. Moi apropiadamente, cando me dicía Laura "vai, camiña", o único que eu lograba dicir era "¡no puedorrr!". Na miña defensa direi que aqueles patíns estaban do revés. Non ían para diante, ían para atrás. E tanto ten o que dixese Laura da postura ou do peso corporal, escusas, eses trebellos do diaño estaban mal feitos.

Afortunadamente, non caín dos patíns nin unha soa vez. Houbo un momento en que me tirei ao chan, pero tireime eu, que é moito máis digno que caer.

1 comentario: