Día 24: Aínda co susto no corpo

O 24 á noite, como todos os anos, ía ser o día máis importante das festas do Apóstolo, que é como chama o concello de Santiago ás celebracións que teñen lugar cada ano ao redor do Día Nacional de Galiza (Día da Patria para os amigos).

Este ano viñeron de Vigo Ana, Juan, Jael e Marcio celebralo comigo. A idea era clara, saír, bailar coas vellas na orquestra, pasar polo Festigal escoitar a Sés... mais mentres estabamos a cear chegou a noticia do descarrilamento do tren. Ao primeiro non lle dei moita importancia, pensei que se trataba dun fallo técnico que obrigara a parar o tren. Despois de todo é habitual en datas como esta que haxa problemas cos trens e que RENFE acabe pondo buses para levar os pasaxeiros. Mais conforme máis novas chegaban, fomos vendo que era ben máis grave do que pensaba.

Ao final botamos toda a noite no meu cuarto vendo o especial informativo da TVG. Nin sequera puidemos ir doar sangue, xa que non tiñamos connosco os carnés de doadores. Simplemente ficamos atónitos e impotentes diante da TV, vendo as novas imaxes e informacións que ían chegando.

Despois dunhas horas Jael e Marcio foron ao seu coche durmir un pouco e marchar facer as súas cousas. Ana e Juan durmiron nun lugar que non foi o meu cuarto, xa que o Burgo ten unha política moi estrita sobre meter xente a durmir no cuarto e eu nunca incumpriría unha norma desas. Ao día seguinte xuntóusenos Pablo ao xantar, e aínda que falamos acerca de moitos e moi variados temas, o desacougo do que acontecera continuaba moi presente, enrarecendo o ambiente.

Só agardo que se algo así acontecer de novo, cousa que espero de corazón que non pase, sexa un médico o suficientemente capacitado para poder axudar e non volverme sentir impotente diante dunha pantalla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario