Vibasa (Monbus), non me toques o carallo

Como dixen no vídeo especial do día 1001, non trouxen os apuntamentos do MIR a Irun. Entón, para poder pórme ao estudo o máis cedo posíbel, a miña nai tiña que mandarmos. Como son 26 kg de coñecemento médico, e o prezo dos paquetes vai por peso, valoramos diferentes opcións para envialo. Finalmente, decidímonos polo servizo de paquetaría que ten o bus que fai o traxecto Vigo-Irun.

Explícovos, a compañía Vigo-Barcelona S.A., Vibasa para os amigos, pertencente a Monbus, ten un servizo polo cal podes enviar paquetes entre unha estación e outra. Normalmente, factúrase na estación de saída a calquera momento, sae no seguinte bus, chega á estación de destino e é gardado na consigna até que vas recollelo. Moi bonito todo na teoría. O caso é que a estación de Irun non ten consigna, polo cal tes que estar no momento que chega o bus. Un pequeno incomodo, xa que o bus chega á mañá cedo e hai que madrugar, mais tanto ten. Todo en orde.

Deste xeito, a miña nai onte facturou os paquetes a enviar, e dixéronlle que sairían no próximo bus, que chegaría á Irun ás 7h30 da mañá. Segundo o horario o bus tiña a chegada ás 7h50, mais dixéronlle de estar un pouco máis cedo. Eu, que son moi guiadiño, madruguei e cheguei alá ás 7h20. E agardei un pouco. E agardei máis un pouco. E deron as 7h50. E continuei a agardar. E deron as 8h30. E alí non chegaba bus ningún. E fun preguntar, pero a xanela da compañía do bus non abría até as 10h30. E chamei á miña nai, que chamou á empresa para ver que acontecera. E aquí a primeira putada do día: O BUS CHEGARA ÀS 7h00 E O CONDUTOR, ASÍ QUE CHEGOU, MARCHOU. Porque claro, a pesar de que sabía que levaba paquetes, por norma nunca esperan. Temos nós os usuarios que ter poderes adiviñatorios e saber que o bus vai chegar 20 minutos antes da hora que nos dixeran. Total, que me tocou esperar ás 10h30 para que me atendesen na estación.

Ás 10h30 fun alí e falei coa señora da compañía. Volveume contar o de que hai que estar cedo, e díxome que o condutor non esperaba porque era habitual que a xente non madrugase, senón que fose máis tarde. Moi ben, eu o que quería eran os paquetes, non saber a cotidianidade dos condutores de bus. O caso é que os paquetes estaban no bus, e ela non ten as chaves, apenas os condutores. Co cal, tería que esperar a que un dos dous buses da compañía tivese que saír, porque é cando ía haber un condutor. No caso, ás 15h10 saía o bus a Barcelona. Nese momento cadroume moi ben o nome da compañía, xa que para coller un paquete proveniente de Vigo tiña que esperar polo bus que saía para Barcelona. Só non entendo por que non aparece Irun no nome, para fechar así o Triángulo as Bermudas Paqueteiras. Mais xa estou a divagar, perdoade.

Captura da web oficial de Vibasa, vibasa.com, galardoada con varios premios polo seu deseño e calidade.

Ás 15h00 cheguei alá e fun onde o bus. O condutor, que xa estaba avisado, ao verme dixo "Eres el de los paquetes de Vigo, ¿no?". Suspirei aliviado, o pesadelo acababa... só que non. Esa pregunta retórica encadeouna coa frase "Pues aquí no hay ningún paquete". O horror. Un arrepío percorreu a miña espiña dorsal. Polo visto, non había paquete ningún no bus que ía para Barcelona nin no bus que viñera de Vigo. El non sabía nada, mais alí paquetes non había. Mandoume falar coa señora da xanela máis unha vez, mais á tarde non abría até as 17h00. Toca esperar máis unha vez.

Entrementres, a miña nai volveu chamar á compañía, onde unha señora coa empatía dun allo porro lle botou unha bronca monumental porque a culpa fora toda nosa por non estar á hora. Que eu estivese 10 minutos antes da hora que me indicaran e aínda así o bus chegara antes de tempo e non esperase era culpa nosa. Que os paquetes non estivesen no bus era culpa nosa. A peste negra que asolou Europa durante o século XIV era culpa nosa. Que The Beatles se separasen, probabelmente, tamén era culpa nosa. Despois da bronca, a señora quedou en averiguar onde carallo estaban os paquetes e chamar a miña nai para dicirllo.

E pasou unha hora, e a señora allo porro sen chamar. E pasou outra hora, e a señora allo porro sen chamar. E chegaron as 17h, e decidín ir á estación de novo e falar coa señora de xanela. Quería saber xa o que pasara cos paquetes, xa que o contido está valorado en máis de 750€, entre libros e manuais de AMIR, o libro de táctica no MIR de CTO e diversos libros, manuais e dicionarios médicos. Iso sen contar o traballo que xa teñen, cos subliñados, os esquemas, as anotacións e todo o resto. Finalmente, cando estaba a piques de saír pola porta, chamoume a miña nai. Tiña noticias da señora allo porro.

Resulta que os paquetes... NON SAÍRAN DE VIGO. O porqué ninguén lle soubo explicar. O caso é que sairán no bus de hoxe, e mañá teño que estar alá si ou si, porque se mete a fin de semana e non vai haber ninguén para atendernos.

Total, que mañá toca estar ás 6h30 na estación para coller os paquetes. Róncalle o carallo.

Actualización (09/05/2016, 07h37): Hoxe fun alá ás 6h30 e, por amolar, o bus chegou ás 7h20. O importante é que xa teño os paquetes no meu poder. Reclamación aínda non puiden pór porque na fin de semana non abren a xanela de atendemento ao público.

BÓNUS! Os de Monbus faláronme polo Twitter!

Ligazón ao tweet: https://twitter.com/monbusinfo/status/718522117524996096

1 comentario:

  1. Jon, reclama os cartos. Pola miña banda replico a túa desventura nas redes. Eles poderán bloquearte no twitter mais non poderán cos rechouchíos!
    Ánimo! E non esquezas respirar! ��

    ResponderEliminar