Monumento ao enema

Fonte: Wikimedia Commons

Un enema ou clister é a introdución de líquidos polo ano para lavar, purgar, administrar medicamentos, administrar contraste para probas de imaxe ou —aínda que actualmente xa non se fai— para alimentar por vía rectal. É unha práctica moi necesaria, imprescindíbel, e mesmo hai xente que chega a afeccionarse a ela (como conta a Enfermera Saturada). Mais... facía falta dedicarlle un monumento? Na Rusia pensan que si.

No spa Mashuk-Akva Term, na cidade rusa de Zheleznovodsk, eríxese unha estatua na honra do enema. Unha xeringa de bulbo suxeita por tres anxiños, todo en bronce, cun peso de 360 kg. Na base do monumento, unha placa di: "Combatamos a constipación e o desleixo con enemas", unha frase da novela Двенадцать стульев (As doce cadeiras). Cando se instalou, o director do spa, Alexander Kharchenko, contou á prensa: "Non hai mal gusto nin obscenidade, é unha obra de arte ben lograda. O enema é practicamente un símbolo da nosa rexión."

Entón, a próxima vez que vaiades de turismo polo Cáucaso Norte, non vos esquezades de facer un selfie diante de tan egrexio monumento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario