Falamos do MIR na Radio Galega

O 31 de decembro de 2014 estaba a preparar tranquilamente a cea de Noitevella coa miña avoa. A iso das 8h da tarde, mentres os chocos estaban ao lume, deume por abrir o Facebook para ver as felicitacións de Ano Novo. E vexo que teño unha mensaxe de Belén Regueira.

Inciso. Para aquelas que non a coñezades, Belén Regueira é unha xornalista que leva desde longo a traballar na TVG e na Radio Galega. Eu son o seareiro absoluto dela desde que a escoitei nunha charla na Escola Oficial de Idiomas de Compostela (semellante a estoutra que deu na Nave de Vidán). E ela non se lembrará, pero foi unha das culpábeis de que alá polo 2012 eu saíse na TVG disfrazado de caracol, mais esa historia xa vola contarei noutro momento...

Voltando ao tema, resulta que o día anterior me enviara un email, mais nestas datas ando bastante desconectado e non o lera, de modo que me procurou no Facebook. Na mensaxe contoume que querían falar do MIR no Galicia por diante, o programa da Radio Galega que dirixe Kiko Novoa. Disque coñecían o meu blogue e querían que contase un pouco de que vai. Aínda estiven a falar un cacho, mais por sorte só puxeron dous pequenos fragmentos do que dixen. E digo por sorte porque o gravamos por teléfono, ás 8 da mañá, estando eu acabado de levantar.

Mais o groso do programa foron as intervencións de Víctor Cebey (tamén coñecido por Inmirnente), Adrián Mosquera (estudante e investigador, que xa entrevistei no blogue) e Sara González (grande amiga miña durante a carreira e número 6 do MIR na súa convocatoria). Un trío de fenómenos, das mellores persoas que coñecín nestes anos.

Xa calo, déixovos aquí co fragmento do programa dedicado ao MIR. Se queredes, o programa enteiro tamén está na web da CRTVG.


Ningún comentario:

Publicar un comentario