DosisPedia, a app para pediatras

A imaxe roubeilla á xente de Mallando no Android, que teñen un artigo sobre a app ben mellor que este.

DosisPedia é unha aplicación móbil pensada para profesionais da medicina que traballan con nenos. Isto é, é especialmente útil para pediatras, mais tamén é interesante para especialistas en medicina de familia, urxencias, traumatoloxía, ORL...

Entón, para que vale? Pois é moi simple, serve para consultar o fármaco e a dose que debes dar ao doente, personalizándoa en función do peso. (Só iso?) E logo paréceche pouco? Podes aforrar unha chea de tempo cun simple movemento de polgar (ou de índice, se es desas persoas raras que manexa o móbil co dedo índice...). O funcionamento é sinxelo e intuitivo, só tes que abrir a app, escoller o fármaco que desexas (ben procurando por grupos de medicamentos, ben procurando polo nome directamente) e mover a barra do peso para obter a dose adecuada. Eu penso que expliquei ben o seu funcionamento, mais se non che quedou ben claro, acouga, que os desenvolvedores fixeron este video explicativo.



A app foi elaborada pola equipa de Pediatría do Hospital da Costa de Burela, financiada polo Colexio Oficial de Médicos de Lugo, e deseñada e desenvolvida pola start-up galega Smart GalApps. Ou sexa, é totalmente galega, a pesar de estar só dispoñíbel en castelán. Sobre a plataforma, de momento só ten versión para Android, mais están a desenvolver a versión para iOS, que debería estar lista dentro de pouco. E, por se tiñades dúbida, a súa descarga é totalmente de balde.

App (Android) | https://play.google.com/store/apps/details?id=com.smartgalapps.android.medicine...

Ningún comentario:

Publicar un comentario