Entrevista aos creadores de Nosocomio, o xogo de mesa

Lembrades o artigo que escribín sobre Nosocomio, o xogo de mesa que te pon no papel dun xefe de planta de hospital? Pois resulta que os creadores, que son moi boa xente, deixáronse enredar para facer esta entrevista.

The Nosocomials, que así se fan chamar, son Carles o traumatólogo, Carles o radiólogo (que non se debe confundir con Carles o traumatólogo), Carles o anestesista (que non é traumatólogo como Carles, nin radiólogo como Carles), Sergio o traumatólogo (traumatólogo como Carles, non como Carles nin como Carles, que son anestesista e radiólogo respectivamente) e Irene a oncóloga (que a diferenza de Carles, Carles, Carles e Sergio, non ten piroliña). Sen esquecernos, é claro, de Mike Soriano, o artistazo que fai as ilustracións.

Aquí están The Nosocomials ao completo no seu hábitat natural, o hospital.

  • Como vos veu a idea de facer un xogo de mesa baseado nun hospital?

Esta é doada: encántannos os xogos, traballamos nun hospital. Pensamos: creemos un hospital que nos encante e traballemos nun xogo!

  • Cales son os vosos xogos de mesa preferidos? Inspirástesvos nalgún deles para Nosocomio?

Brincamos por aquí e por alá, algúns de nós son fans incondicionais do Munchkin (aínda que perdan sempre), outros xogan ao Bang agachados no seu cuarto con amigos imaxinarios e cónstame que hai algún por aí que coquetea co Ciudadelas. Durante un das nosas escasas viaxes ao redor deste bendito planeta coincidimos e démoslle bastante La Fallera Calavera, un recomendábel xogo de cartas valenciano, moi localista, sobre a cultura popular e xentalla política desa curiosa terra. Serviunos de inspiración, abofé.

  • As ilustracións do xogo e das cartas están moi ben feitas, deseñounas alguén de vós ou botáronvos unha man?

Grazas, grazas, grazas! Son obra de Mike Soriano, un tipo do máis pándego e versátil que se reencontrou coa pluma, coa que se leva fenomenalmente, só fai falta ver a súa obra. Chegamos a el case sen querer e agora non sabemos o que fariamos sen este bendito lunático. Vaino petar, e nós seremos case a súa opera prima. Mike we love you!
  
  • O xogo ten cartas moi orixinais, como Rosa la Migrañosa, Mariano el Cirujano ou El Walkin Ded. Mais se tivésedes que escoller unha, cal sería a vosa carta favorita?

Buah, hehehe (risiño afogado e pelexa de pernas entre The Nosocomials por baixo da mesa). Todos adoramos o Abueloma. É difícil de curar, carallo, mais éche o que hai, ten mil anos... e agora é o prota das camisetas. Mais a carta El paciente toma Sintrom non está mal para nada. Complícache calquera curación... El autobús del Imserso é bestial... É que hai 122!

  • Estades a facer unha campaña de crowdfunding para poder financiar o xogo e que poida ir para diante. Por que a xente deberia apoiala e non gastar os cartos, por exemplo, nun CD de David Bisbal?

Mmmmm... a verdade é que non o sabemos. Probabelmente (e digo probabelmente) a xente que sinta curiosidade por saber como soa o último dese señor non a sinta por saber que é o que se anda a argallar no Nosocomio: o hospital máis tolo de toda a Terra.

  • E, por último, unha pregunta controversa que sempre crea división entre a xente. Que parte da Nocilla preferides, a branca ou a marrón?

Hai unha parte marrón? O meu irmán dicíame que xa viña da fábrica sen ela. Nunca desconfiei del. Non, non, de verdade, agarda... hai unha parte marrón?


LIGAZÓNS:

Ningún comentario:

Publicar un comentario