Renal Function




Este é un dos vídeos da Gala dos Óscars de Medicina 2012. Veredes, eu e o Fer vimos Pulp Fiction, dobrada ao galego, durante o noso primeiro ano en Medicina. A partir dese momento, o filme converteuse no noso filme, e vímolo moitas máis veces ao longo da nosa época universitaria, até o punto de sabernos os diálogos de memoria. Deste modo, cando chegamos a sexto, tiñamos que facerlle a homenaxe que merecía, e a Gala dos Óscars deunos a escusa perfecta.

Cando fixemos os vídeos da gala, quixemos facelos breves para manter o dinamismo, e todos duraron ao redor dun minuto. Excepto este. Este merecía máis. E se xa é longo de seu, a verdade é que tiñamos moitas máis ideas, parodiando outras varias escenas do filme. Entón, como nunca chegamos a gravar o material para facer unha versión estendida, vouvos pór por escrito as ideas que ficaron fóra.

Escena 1

En Pulp Fiction a primeira escena, antes dos créditos iniciais, é a mítica de Quérote, chuliño / E eu a ti, parruliña (I love you, Pumpkin / I love you, Honey Bunny), cando van asaltar a cafetaría. No noso caso estaría o salón de actos cheo de estudantes, e na mesa un profesor e unha profesora a vixiar. E o diálogo sería deste xeito:

(En voz baixa, entre eles)
PROFA: Quérote, chuliño!
PROF: E eu a ti, parruliña.

(Póñense de pé e comezan a berrar)
PROFA: Quietos todos, isto é un exame!
PROF: Como algún fillo de puta se mova, déixovos a todos para setembro, cabronazos de merda!

(E aquí entrarían os créditos iniciais cos que comeza o vídeo)

Escena 2 e 3

Estas escenas serían igual que no vídeo, a da conversa no coche e a de abrir o maleteiro.

Escena 4

Esta escena sería como a de Butch de neno cando lle dan o reloxo do pai. No noso caso, un estudante de sexto daría a un de primeiro unha chuleta de Historia da Medicina, contándolle a historia de que a levou oculta no cu para que non lla encontrasen e todo iso.

Escena 5

Esta escena chegou a gravarse, e ha de estar entre as tomas falsas no DVD que repartimos. Trátase da escena onde Marsellus Wallace fai as paces con Butch. No noso caso, é diante dun taboleiro onde está a listaxe das notas, onde o estudante 1 sería o mesmo que facía de estudante de primeiro na anterior escena.

(O estudante 1 mira para as notas e agacha a cabeza, triste)
EST. 2: Estás ben?
EST. 1: Non, non tal. O que che estou é ben fodido.
EST. 2: E agora que?
EST. 1: E agora que? Vouche dicir o que pasará. Vou chamar un par de universitarios ben festeiros para ir de troula toda a noite, cunha sulfatadora chea de ron cola.

Escena 6

Aquí iría a escena do vídeo onde preguntan a Roi se le o Guyton, só que cun engadido. Habería un maletín que recolleriamos. Este maletín sería o mesmo que aparece ao final do vídeo da entrada dos padriños. Tamén valoramos a opción de recitar enteiro o discurso de Ezequiel 25, 17 adaptado, mais descartamos a opción por ser demasiado complicada de facer e longa de gravar.

Escena 7

A escena da cafetaría co tío Luís e o final igual ca no vídeo.

FIN

Deste xeito, o vídeo estaría composto por dúas historias paralelas, a do exame e a do maletín, que se entrecruzarían porque os protagonistas dunha serían os secundarios da outra. Lamentabelmente, todo isto perde a graza se nunca viches Pulp Fiction, e facer unha curta de 10 minutos sobre brincadeiras que só habiamos entender nós era moi pesado. Así e todo, o vídeo definitivo tamén está moi ben, e síntome moi orgulloso del. Espero que vós opinedes o mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario