Día 69: A estraña do baño

O día de hoxe non vai tratar sobre unha das miñas vivencias, senón que vos vou narrar unha historia doutra persoa. A persoa en cuestión é, contra todo o prognóstico, un dos meus mellores amigos, mais non vou dar o seu nome para garantir o seu anonimato.

O meu amigo é un deses rapaces que ao velos paracen narcisistas e hedonistas, alguén que só pensa no propio pracer sen lle importar danar os demais. Mais é só a súa capa máis externa, cando o comezas a coñecer descobres que é alguén amábel, educado, amigo dos seus amigos... e cando o acabas de coñecer ves que ten unha terceira capa de profundidade, a súa verdadeira esencia, que resulta ser exactamente igual que a primeira capa. Pero chegado ese momento xa lle tes cariño, e... que lle vas facer?


A estraña do baño 

Era unha fría noite de novembro. O meu amigo levaba unha temporada bastante mala na súa vida sentimental e había tempo que non saía. No entanto, ese día resolveu acabar coa súa lei seca autoimposta e ir de festa sen pensar nas consecuencias. As copas non pararon de entrar e o alcohol fluíu polas súas veas, desinhibindo os seus instintos e obnubilando o seu (xa escaso) bo senso.

Os designios da noite compostelá acabaron levando o meu amigo a La Cueva, un pequeno bar onde venden bebidas baratas, cun alcohol de calidade acorde ao prezo. Dirixiuse decidido á barra e pediu unha copa. Foi esa copa, e non outra, a que colmou a súa vexiga, provocándolle unha irrefreábel gana de mexar. E foi así que, sen o pensar dúas veces, foi até o cuarto de baño.

O baño estaba ocupado, e mentres esperaba ía aumentando a súa necesidade de mexar. Cando saíu o home que estaba no baño, unha rapariga achegouse e pediulle por favor que a deixase pasar diante. O meu amigo, facendo gala da súa xenerosidade, díxolle que nin de puta coña, que agardase como os demais. Lonxe de espantarse, a moza en cuestión foise achegando lentamente, susurrándolle no ouvido que lle fixese o favor. Como non é home de deixar escapar oportunidades, entroulle á boca, meteuna no cuarto de baño con el e comezou a bicala. Ela non ficou atrás e comezou a meterlle man, nun arrebato de ardor descontrolado. Unha viraxe de paixón púxoo de costas á porta, momento que ela aproveitou para empurralo fóra do cuarto de baño e fechar dun golpe a porta.

E ali ficou o meu amigo, atónito, quente e mexando por el.

2 comentarios: