Día 47: As orquestras

Aos meus 25 anos, xa vou vello. Eu estou acostumado ás orquestras de toda a vida, ás que tocan as cancións de sempre mentres as vellas bailan agarradas entre elas. Co seu Baile del Sua-Sua, o seu La Ventanita e o seu Suevemente. Unha fórmula sinxela e efectiva, para que reinventar a roda? Lamentabelmente os organizadores das festas da Bandeira non eran da miña opinión.

A actuación da orquestra comezou cun ¡Camarero, camarero! ¡El Eroski está cerrado!, o que lles serviu de escusa para converter a canción Follow the Leader en Vamos p'al Lidl. Todo ben, un enxeñoso xogo de palabras. As miñas suspicacias comezaron cando a cantante deu en gritar naflá, agüei! no medio da canción. Así e todo, non lle dei maior importancia, como modificaran a letra da canción tiñan lexitimidade para dicir o que lles parecese, e se cadra non estaba eu a entender ben.

Chegou entón o momento de versionaren un dos maiores éxitos de AC/DC, Highway to Hell, ou Amoma ghaigüel tughé segundo a cantante. Si, sei o que estades a pensar, a tipa non sabe inglés e aprendeu a canción foneticamente. Non é iso, eu mesmo non pronunciaría o inglés moito mellor, é que dá a sensación de que nin sequera leron a letra. Os da orquestra deberon pensar "nada, cantamos para adiante como saia, que malo será que haxa alguén no publico que saiba inglés".

Mais a cousa non acaba aí. Non contentos co inglés, decidiron ir máis alén e probar co coreano. Aquí hei de facer unha observación, eu estou convencido de que os da orquestra pensaban que a canción era en inglés, é a única explicación posíbel. Aínda así, o Open gañaestail non soou de todo mal. O que non sei é quen sería esa tal Leire da que falaban, pero debe ser xeitosiña que eles dicían "Eeeeeeei, sexy Leire" seguido. Aínda así, a guinda do pastel púxoa o grito de Guachusei! nun momento aleatorio da canción.

Nun momento dixeron "Que queredes? Cumbia? Ou queredes salsa? Vamos cun pasodoble?" e eu comeceime a animar. Resultou ser só un chiste que non pillei a tempo. Cando me quixen decatar estaban a cantar El Vals del Obrero, que nin é cumbia, nin salsa, nin pasodoble, nin sequera vals como parece indicar o nome, senón ska. Aí foi cando contemplei a realidade. Non era que tivesen problemas co inglés, é que tiñan problemas para vocalizar en xeral. Ou é iso, ou é que nin leran a letra das cancións en castelán.

Despois dun cacho, acabaron, fecharon a cortina e a xente comezou a marchar. Nese momento decidiron que o público estaba a devecer por un bis. E retornaron para rematar a actuación co Soldadito Marinero, só que na súa versión a serea non tiña "los ojos verdes y un negocio entre las piernas", senón "una chaqueta azul entre las piernas".

En fin, a pesar de ser cruel criticando, a verdade e que o pasei moi ben na festa. Comemos a fartar, botamos uns contos, vimos as orquestras e hoxe mesmo fomos á tarde ao río para redondear a fin de semana. Porque despois de todo, como nos dixo un home moi sabio, o que sabe ben non é a comida, o que sabe ben é comela cos amigos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario