Carta aberta de ME.I.GA.: «Por unha educación científica e racional»


A boa xente da asociación de estudantes ME.I.GA. pediume que axudase a difundir a súa carta aberta dirixida a Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa da Universidade de Santiago de Compostela. E eu fágoo de bo grado, porque as pseudociencias non poden ter cabida na universidade, e todas as iniciativas que se fagan son imprescindíbeis para lograr acabar con elas.


Por unha educación científica e racional: eliminemos as pseudociencias da nosa Universidade.

Dende a asociación de estudantes de Medicina ME.I.GA. (Medicina Intercambios Galicia) queremos transmitir o noso malestar tras coñecer as ofertas para a Universidade de Verán 2016 da Universidade de Santiago de Compostela. Entre as actividades ofrecidas puidemos atopar a segunda edición do curso “ONCOLOXÍA INTEGRATIVA: Integrando outras miradas no proceso de atención a pacientes oncolóxicos”, que consideramos contrarios a todos os principios científicos que rexen a nosa Universidade.

A oncoloxía integrativa promulga a utilización de “terapias complementarias e outras medicinas” para o tratamento dunha enfermidade tan grave como é o cancro. Entre as terapias defendidas atópase a acupuntura, a aromaterapia, a homeopatía, as plantas medicinais ou o emprego do visgo; todas elas consideradas pseudociencias e incontables veces desmentidas pola súa falta de base científica.

Como estudantes de Medicina, queremos que a nosa Universidade nos facilite a mellor formación posible, libre de bieses e baseada na evidencia científica. Como futuros profesionais, consideramos que a Medicina debe exercerse de forma ética e racional, aplicando aos doentes unhas terapias que se demostren efectivas e axeitadas despois dun estudo científico e crítico [1] . Por este motivo, é con grande pesar que observamos que dende un centro de saber como o noso se propoñan este tipo de actividades.

Son innumerables os estudos que desmenten estas “medicinas alternativas”. A maioría delas carecen de calquera fundamento científico, e o seu uso perpetúase alegando supostas propiedades que nunca foron probadas (como a memoria da auga no caso da homeopatía) [2] . Ata o momento actual, ningunha destas pseudociencias puido demostrar a súa eficacia ao comparala co placebo, sendo tan efectivas como a auga con azucre ou a imposición de mans [3, 4] . Ademais, a maioría dos estudos que tratan de apoiar estas terapias están realizados baixo condicións dubidosas, na maior parte das ocasións sen utilizar os estándares básicos da investigación actual, como os métodos de dobre cego [3, 4, 5] .

Estas pseudociencias poden ser moi prexudiciais para as persoas afectadas de cancro e outras enfermidades, posto que ao abandonar terapias avaladas pola evidencia científica vense abocados a unha morte segura [6] . Non queremos que se repitan casos como o de Mario Rodríguez, un paciente con leucemia que deixou o seu tratamento médico pola homeopatía e que faleceu tras 6 meses de sofremento.

Por todo o exposto anteriormente, gustaríanos que a nosa Universidade seguise o exemplo da Universidad de Sevilla, a Universidad de Zaragoza, a Universitat de Barcelona, a Universitat de València, a Universidad de Murcia, a Universidad de Córdoba e tantas outras que aos poucos van eliminando este contido falso e fraudulento dos seus currículos.

Así, solicitamos á Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa:

  • Que se revisen os criterios para aceptar os diferentes cursos da Universidade de Verán, imprimindo a estes un carácter verdadeiramente científico.
  • Que se cancele o curso de “ONCOLOXÍA INTEGRATIVA: Integrando outras miradas no proceso de atención a pacientes oncolóxicos” tanto para este como para futuros cursos da Universidade de Verán da USC.

Agardamos a súa resposta.
Reciban un cordial saúdo. 










BIBLIOGRAFÍA 
[1] Smith K. Homeopathy is unscientific and unethical. Bioethics. 2012; 26: 508-12.
[2] Ball Philip. The memory of water. Nature. 2004.
[3] Shang A, Huwiler-Müntener K, Nartey L, Jüni P, Dörig S, Sterne JAC et al. Are the clinical effects of homoeopathy placebo effects? Comparative study of placebo-controlled trials of homoeopathy and allopathy. Lancet. 2005; 366: 726-32.
[4] Colquhoun D, Steven N. Acupuncture is theatrical placebo. Anesth Analg. 2013; 116(6): 1360-63.
[5] Pittler MH, Abbot NC, Harkness EF, Ernst E. Location bias in controlled clinical trials of complementary/alternative therapies. J Clin Epidemiol. 2000; 53(5):485-9.

3 comentarios:

  1. Normalmente paréceme correcto todo o que publicas pero; dende o respeto: as estampiñas de virxes e santos e os crucifixos tampouco teñen ningunha evidencia científica e non imos ir polas habitacións dos hospitais rompéndoas e dicindo "señora, esa representación dun xudeo desnutrido e torturado non vai exercer ningunha influencia positiva na curación do seu proceso. Non gaste os cartos nesa estafa". ¿Non sería maís interesante tentar comprender por qué se "agarra" a xente a esas prácticas e convencelos con argumentos da inutilidade das mesmas, en vez de adoptar unha actitude "prepotente" e prohibilas?. É un curso de verán, non unha asignatura obligatoria nun plan de estudios. Cadaquén gasta os cartos no que lle peta. Podes facer campaña en que é unha estafa (eu apoiareino) pero respectando ó veciño.
    Se usan ese diñeiro dos cursos en contratar persoal docente para a USC, a homeopatía acabará tendo un sentido positivo na saúde non¿?

    Fmdo: un científico que tamén está convencido da inutilidade da mesma, pero que aborrece a prepotencia

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola! Gustaríame responder a este comentario como parte de MEIGA e impulsor desta carta, que foi escrita con bastante boa fe e ningunha prepotencia.

      Hai tempo que xa non vemos nas habitacións do hospital nin estampiñas, nin santos, nin crucifixos, aínda que isto teña máis que ver coa liberdade relixiosa que cos milagres.

      Non debemos esquecer que estas "terapias" son un fraude, que cada vez que aparecen nos medios de comunicación son chamadas de "medicina alternativa". A falta de desacreditación destas pseudociencias fai con que haxa familias que se agarren a elas, poñendo en perigo a súa vida e, sobre todo, a súa situación económica. Porque se contan por miles os mortos, pero por milleiros as persoas que perderon todos os seus cartos por agarrarse a estas cousas.

      Consideramos que a USC, unha universidade PÚBLICA, pagada por todxs nós, non debería favorecer este tipo de actividades, que carecen de toda evidencia. Dende un centro coma o noso non deberiamos favorecer que se perpetúen as mentiras: acaso se deran un curso de astronomía na que se dixese que o sol roda arredor da Terra non pensariamos que é unha estupidez? Non quereríamos que se cancelase?
      Ademáis, non debemos esquecer o poder lexitimador que ten a universidade. Non é o mesmo dicir que aprendeches aromaterapia oncolóxica no alpendre dun chamán que na Aula Castelao da Facultade de Medicina. Ao albergar estes cursos estase dando a imaxe de que a "oncoloxía integrativa" é algo que pode ter algo de científico, porque para algo se está dando na Universidade, non?

      Cada un pode gastar os cartos no que queira, pero non se poden gastar os cartos de todxs en cousas que están demostradas como inútiles e que van en contra do coñecemento científico actual.

      E sobre os cartos... Por que non legalizamos a trata de persoas con fins de explotación sexual (que representa unha parte importante do PIB do Estado) para remodelar o Álvaro Cunqueiro? Por que non aprobamos unha lei a favor do tráfico de armas para dotar de mellores medios ás escolas? Non debemos vendernos a calquera postor nin prostituir a universidade, e consideramos que a ética tamén deberías estar presenta á hora de gañar cartos.

      Luís Agulleiro (que tamén está convencido da inutilidade das pseudociencias e quere facer algo para acabar con elas).

      Eliminar
  2. Ola Luis!

    Cando falaba de crucifixos e estampiñas referíame ás que traen os pacientes ó hospital cando teñen programada unha intervención cirúrxica. Tentaba ilustrar que non todo o que ten un efecto positivo na saúde (ó menos psícolóxica) da xente, ten unha evidencia científica de curación. Poden ser estampiñas, crucifixos, ramos de flores ou o boneco preferido de Charmander vaia.

    Certo que non é unha comparación xusta ca homeopatía...como tampouco o é situala ó nivel da trata de persoas ou o tráfico de armas.

    Polo demáis, convencido dos teus argumentos. Tedes o meu apoio para que decidan non oferta-lo curso.

    ResponderEliminar