Fabián Freixedo: «O primeiro exame: crónica dun combate anunciado»


Este artigo é unha colaboración de Fabián Freixedo, estudante de 1º de Medicina da USC. Se tu tamén queres colaborar con As MIR e unha noites, ponte en contacto pola páxina do Facebook ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.



Non moi lonxe da hipérbole do titular, transcorreu a preparación do primeiro exame de case medio milleiro de proxectos de médicos. O presente artigo pretende ser unha homenaxe a todos os colegas de estudos. Vaia polos nervios que se pasaron.

Como un frío xeo polas costas, o 21 de novembro lucía como primeira e prematura proba de fe para os novos galenos. Polas mans dos Beiras, Cuevas, Rosalía e Caballero transcorrían os primeiros pesares, e demais desexos, dunha promoción recén chegada á Histoloxía Xeral Humana. Ilusos todas e todos nós, ante a que pensabamos pouca carga lectiva, fomos protagonistas do primeiro susto da tempada.

Apuntado na axenda en vermello, os días foron transcorrendo entre nervios e sobresaltos varios, a modo de tipos de preguntas incontestables, imaxes por descifrar e múltiples especulacións sobre porcentaxes suspenso/aprobado en anos pasados. Non foron poucos os que cafés que se tomaron. E menos aínda foron as horas de sono regaladas ao corpo. Moitos esquecemos a temporalidade e comezamos a vida nocturna de estudo como método catártico para a adquisición de coñecementos. Fómonos autoconvencendo da facilidade do exame, de que os nervios son normais ao principio e de que tranquilo, home, que isto xa o sabes. Incluso nalgún momento chegamos a crelo. Ata que de novo se tropezaba un cunha pregunta imposible ou unha imaxe indescifrable.

Foron horas nas que a imaxinación tentaba escapar alén do Wheater´s, nas que calquera recuncho era bo para descansar do bombardeo constante de información a compilar no maxín. Proba disto, vaia a brincadeira feita meme da foto.

Chegado o día, os nomes foron pronunciados polo examinador. Coma presos sentenciados fomos entrando a unha sala onde deberiamos defender o aprendido e aguantar os envites das máis que rebuscadas cuestións.

Sexa consagrado xa para a eternidade, ese momento transgresor no que todas e todos respondemos a primeira pregunta teórica da carreira. Comezaba o combate. E claro, como non ía ser doutra maneira, o primeiro envite rezaba o nome de Santiago Ramón y Cajal, preguntando pola súa técnica. Neste primeiro golpe, moitos acordáronse do querido profesor. De distintas maneiras, claro está. Sexa como for, quedaban 69 asaltos de acertos, dúbidas e golpes baixos, para o remate.

Terminado o exame, moitos suspiraron de alivio. Outros tantos suspiramos de milagre. Mais seguro que case todos o fixemos (a aínda o facemos) de preocupación. Moi certo é que esa angustia que lle queda ao corpo tralo exame, fíxonos e fainos presos no noso propio cárcere.

O resultado quizais chegue a modo de nota no taboleiro, quizais a modo de SMS. Sexa como for, a primeira proba de fe, fica xa superada. Comezamos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario