5 formas cultas de chamar a cousas noxentas

Xa fixera hai tempo a entrada 5 termos médicos para a xente normal, con palabras estrañas que usamos os médicos. Mais desta vez quero mergullarme no terreo da escatoloxía para traervos 5 palabras que parecen moi bonitas e cultas, mais que son unha verdadeira porcallada.

Imaxe puramente ilustrativa, sen relación co contido da publicación.

ESCÍBALO s.m.
Masa fecal de consistencia dura e seca.

Se seguides o blogue, estaredes familiarizadas coa palabra inglesa scybala. Pois escíbalo é a súa forma galeguizada, segundo figura no Dicionario galego de termos médicos, que tamén podemos encontrar en portugués e en castelán.

ESMEGMA s.m.
Substancia que se atopa no suco balanoprepucial e nos labios menores, produto da acumulación de segregacións e células epiteliais escamadas, de mal cheiro, calidade untuosa e cor abrancazada.

Imaxinade un pene. Visualizádelo? Pois agora imaxinade unha substancia entre branca e amarela, con consistencia de manteiga, xusto debaixo do bordo onde comeza o glande. Agradábel, non é? Pois a palabriña chegou a ser famosa en certos ámbitos, e mesmo aparece no filme Regreso ao futuro.


EGAGRÓPILA s.f. ou EGREGÓFITO s.m.
Masa de alimento non dixerido que é regurxitada.

Tecnicamente a palabra só se usa para a masa que rexurxitan as aves, mais na linguaxe coloquial é usada para chamar ao vómito dunha persoa que ten cousas sen dixerir, como anacos de pizza ou grans de millo. Podedes convertelo nun xogo, e cando saiades á noite e vexades unha egagrópila no chan tentar adiviñar que é o que ceou a persoa. Ou podedes ser normais, como prefirades.


COPRÉMESE s.f.
Vómito fecaloide ou estercorario.

Das cousas máis noxentas do mundo, esta é a raíña. Trátase, literalmente, de vomitar merda. Ter unha obstrución tan grave no final do tubo dixestivo que os alimentos, practicamente dixeridos de todo (ou sexa, practicamente excrementos), suban de novo e sexan expulsados pola boca. Vaia, xa vos facedes unha idea. Vou parar, que me dá noxo só con describilo. Nesta familia léxica temos tamén outras palabras preciosas, como piemese (vomitar pus), blenemese (vomitar moco) ou colemese (vomitar bile).

METEORISMO s.m.
Distensión do abdome a consecuencia dos gases acumulados no tubo dixestivo.

Ter o ventre inchado non é algo noxento en si mesmo, mais é a antesala do desastre. Dicir "teño un pouco de meteorismo" equivale a dicir "en calquera momento estoura a bomba de gas e morredes todos asfixiados". A pesar da semellanza, non ten nada que ver cos meteoritos, aínda que coa expulsión dos gases intestinais podería saír despedido algún coprólito.

Nota: Todas as definicións, excepto a de egagrópila/egregófito, foron tiradas do Dicionario galego de termos médicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario