Protección solar

Aínda que hai unhas semanas parecía impensábel, por fin chegou o verán ao noso pequeno país. Chegados a este momento, se queremos evitar que a nosa pálida pel adquira un bonito ton rubio intenso, mellor estarmos preparados. Entón, vamos falar de como protexernos do sol.

O sol emite principalmente dous tipos de radiación ultravioleta, os raios UVA e os raios UVB.

Os raios UVA penetran profundamente na pel e son os responsábeis do bronceado, mais tamén do envellecemento, das enrugas e das manchas na pel.

Os raios UVB penetran só superficialmente, e son os responsábeis das queimaduras. Son estes os que aumentan o risco dos diversos cancros da pel e doutras doenzas.

Mais antes de que comecedes a fuxir do sol dando gritos e acenando cos brazos, tamén é preciso lembrar que o a luz solar é necesaria para a síntese de vitamina D. Por tanto, vamos descartar polo momento a opción de enclausurarse nunha cova.

Entón, como nos protexemos do sol? Pois a opción obvia é levar roupa e un sombreiro. Se ben as persoas adultas non van aceptar isto, porque quererán broncearse e vestir á moda do verán, é importante facelo nos nenos. A súa saúde é o primeiro.

Mais digamos que queremos ir máis ben destapadiños e sen sombreiro, que despois de todo o ano no ximnasio hai que mostrar o xénero. Como a pesar diso non queremos queimarnos, entran en xogo os protectores solares, tamén coñecidos como filtros solares. Normalmente veñen en forma de crema ou spray, e crean unha capa sobre a pel que protexe contra os raios nocivos. Estes produtos veñen cun número na etiqueta, escrito ben grande e con cores amigábeis, mais... que é  que significa este número?

Ese número é o factor de protección solar (FPS). De modo xeral e impreciso, pode dicirse que é o número de veces que multiplica a protección natural da túa pel. Entón, se nun cálido día de verán ao sol a túa pel tarda 10 minutos en comezar a arrubiar, cun protector de factor 60 tardará 10x60=600 minutos, 10 horas. Xa está entón! Temos a solución a todo isto! Ai, se fose tan fácil...

O FPS só ten en conta os raios UVB (os canceríxenos). Non dá información sobre a protección contra os raios UVA (os que provocan envellecemento da pel e enrugas). Na Europa existe unha lexislación que obriga que todos os protectores á venda protexan de ambos os tipos de radiación, mais mesmo así nas etiquetas non explica canto protexe dos raios UVA. Tampouco se teñen en conta outros factores, como a transpiración da pel, a aplicación incorrecta, a zona do corpo... Entón, para ser sinceros, esas 24 horas de protección total que nos ofrecen nalgúns anuncios son, canto menos, cuestionábeis.

Mais isto non significa que non vallan para nada, ollo! É importante usar os protectores solares, mais hai que usalos adecuadamente. Para iso, teñamos en conta os consellos de sempre:
  • Aplicar unha capa de protector solar de 2mg/cm².
  • Dar de novo protector solar frecuentemente, especialmente despois de se bañar ou secar coa toalla.
  • Evitar exporse ao sol entre as 12h e as 16h.
  • Usar un factor de protección alto.
  • Evitar máquinas de raios UVA ou bronceadores artificiais.
  • Ter moito coidado cos nenos, que deben levar camisola e sombreiro.

E lembrade que o bronceado non é mais que unha moda sen importancia, non hai que se obcecar con iso. Non é preciso ter a cor dunha cenoura para ser alguén na vida. E non esquezades que os raios UVA envellecen a pel, polo que o bronceado de hoxe son as enrugas de mañá. E se non, que llo conten ao camioneiro do que falan en Erdati...

Este é o deseñador de moda Valentino. De verdade che parece fashion o seu ton de pel?

1 comentario: