O futuro d'As MIR e unha noites

Despois de saber que non ía poder ir ao MIR nesta convocatoria, unha vez me pasou a perrencha correspondente, púxenme a pensar no que facer con este blogue. Obviamente non podo continuar a facer unha publicación por día, xa que se esta convocatoria do MIR sería o día 214, a convocatoria á que finalmente vou ir sería o día 579. E eu non dou para tanto!

O seguinte que pensei foi fechar o blogue. Deixalo como está, a mercé do tempo e do esquecemento, até o día en que me dea a arroutada e o elimine de vez. Pensei seriamente nesta opción, mais a verdade é que lle collín cariño, e sería unha mágoa acabar deste modo.

Entón, a miña decisión é que As MIR e unha noites continúe. Esquecémonos dos días nos títulos das publicacións e das actualizacións diarias. En lugar diso, escribirei algunha cousa dúas ou tres veces á semana. Tamén tentarei falar un pouco menos da miña vida persoal e centrarme un pouco máis en cousas que poidan ser curiosas ou divertidas para a xente de Medicina, o que non significa que non vaia contar algunha historia das miñas de cando en vez. E deste xeito chegarei mínimo até a primavera de 2015, cando poida facer unha publicación anunciándovos a todos que, por fin, son pediatra.

1 comentario:

  1. Sigue adiante compañeiro!.

    No tempo que aprobes o MIR, algo interesante para contar che ocorrerá, e os que botamos unha ollada por aquí, ficaremos atentos a escoitalo todo.

    ResponderEliminar