Día 6: Bai, noski!

Hoxe comecei un curso de euskara intensivo de dúas semanas. Antes de que algún Pepiño Grilo me rife, si, sei que debo centrarme no MIR. Aínda así, estudar euskara é unha das cousas que sempre quixen facer e nunca tivera a oportunidade, e este tempo que perda de estudo vouno recuperar na semana de folga de agosto. Quedarei sen descanso, mais pagará a pena.

Aprendín cousas ben interesantes sobre o idioma. Por exemplo, a señora dise andrea, entón a señora Andrea dise andrea Andrea. Tamén me rin como un meniño cando lin como se di fillo, semea. Son un neno grande, aínda non pasei a época do caca, culo, pedo, pis. E lembrade sempre que muxu asko significa moitos bicos, non ten nada que ver co castelán mucho asco.

Mais a anécdota do día foi o momento en que a profesora falou de diferentes lugares de Euskal Herria. Foi contando as bondades das máis coñecidas vilas e cidades euskaldunas, e cando chegou a Irun dixo "realmente Irun no tiene nada". Nese momento saquei o meu orgullo irundarra e defendín a reputación da vila natal da miña ama. A partir de aí non só deixou de falar mal dela, senón que a usou nas frases que foi pondo de exemplo ao longo da mañá. Todo isto entre risos e bo ambiente, non se entenda mal.

A respecto do MIR, hoxe comecei a estudar Neuroloxía e Neurocirurxía, ás que de aquí en diante me referirei en xeral como Neuro. Pouco máis hai que dicir... xa irei pondo chistes maos sobre a materia conforme me vaian ocorrendo.

Bihar arte, lagunak!

Ningún comentario:

Publicar un comentario